CULTURA

Ábrese o prazo para participar en Curtocircuíto 2011

19/11/2010 O sábado 20 de novembro comeza o prazo de envío de curtametraxes para participar no VIII Curtocircuíto, Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, unha iniciativa da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais que terá lugar do 6 ao 15 de maio de 2011.

O concurso está aberto a curtametraxistas de todo o mundo para que envíen os seus traballos antes do 20 de febreiro e deberán inscribirse de forma online a través da plataforma Short Film Depot www.shortflimdepot.com. As curtas que se envíen a concurso non poderán exceder dos 30 minutos de duración e poderán estar feitas en calquera soporte.

Os premios mantéñense con respecto á pasada edición, pero as categorías varían un pouco. Mantéñense as categorías Internacional, dividida en Ficción, Animación e Documental, e a Explora para curtas experimentais. E nace a categoría Compostelae, tamén dividida en Ficción, Animación e Documental, na que competirán as curtas de todo o Estado incluíndo, por suposto, as galegas, as que ademais optarán a un premio especial á mellor curtametraxe galega.

Todas as curtas enviadas a concurso participarán automaticamente no Mercado Internacional de Curtametraxes, que terá lugar nas mesmas datas e que cumprirá a súa sexta edición. Esta actividade ten a vocación de ser un punto de encontro para os profesionais do mundo audiovisual de curta duración, os que poderán, relacionarse, presentar, visionar e vender os seus traballos. Para poder asistir será preciso acreditarse de forma gratuíta a través da web do festival.

Os interesados en participar poden consultar as bases e outra información de interese na páxina web do festival www.curtocircuito.org.

Compartir: