SANIDADE

Fariña denuncia os recortes orzamentarios autonómicos na área sanitaria de Santiago

19/11/2010 O concelleiro de Sanidade, Andrés Fariña, compareceu xunto cun representante da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública en Galicia, Francisco Reyes, para denunciar os recortes nos orzamentos da Xunta para a área sanitaria de Santiago. Expresou a súa preocupación polas listas de espera e lamentou a "falta de organización e de recursos para as infraestruturas sanitarias" da Consellería de Sanidade.

Fariña recordou que "só na área de atención primaria de Santiago o orzamento redúcense en 8 millóns de euros, e para gasto corrente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela a redución é de 14 millóns de euros". Isto, dixo, "repercutirá en desatención". Tamén se referiu á denuncia do Consello Económico e Social sobre a "manipulación" das cifras das listas de espera e esixiu "datos claros".

Tamén en relación aos orzamentos e tal como denunciara o alcalde, Francisco Reyes recordou que nos orzamentos da Xunta "non aparece o Plan Director do CHUS; de feito, o de Santiago é o único que no aparece, sendo substituído por unha partida denominada reformas menores".

O concelleiro de Sanidade manifestou tamén a súa preocupación polo modelo público-privado que quere implantar a Xunta. "A sanidade non pode depender dun modelo de financiamento e os orzamentos deberían ter capacidade suficiente para o mesmo, porque a sanidade é un ben superior e un dereito dos cidadáns da máxima prioridade".

Sobre a manifestación do domingo 21, Reyes indicou que "non é unha manifestación contra ninguén, senón unha manifestación en defensa da sanidade pública. Engadiu que "son os profesionais os que a están sostendo" e preguntouse "¿canto tempo o poderán seguir facéndoo con este recorte?

Finalmente, Andrés Fariña reclamou a convocatoria da comisión de participación cidadá da área de atención primaria de Santiago prevista legalmente, na que, dixo, planteará todas estas cuestións. Con todo, reiterou a vontade de colaboración do Concello, tal como se reflicte na cesión de terreos en Galeras e Conxo para centros de saúde. Sobre o primeiro, malia estar xa realizada a cesión, afirmou no ter noticias sobre a súa licitación.

Manifestación xustificada, a xuízo do alcalde
Na súa rolda de prensa dos venres, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, tamén se referiu a este tema, e considerou "plenamente xustificada" a manifestación do domingo 21. Non obstante, afirmou non ter tomada unha decisión definitiva sobre a súa asistencia á mesma. Malia indicar que hai "motivos suficientes" para esta protesta, confirmou que "de ir, fareino a título persoal".

Compartir: