CULTURA

Cineuropa estrea o filme "Cancións de pedra"

18/11/2010 Cineuropa proxectou en estrea mundial Cancións de pedra, a primeira longametraxe do director compostelán Alejandro Goris. O filme, que "mestura de ficción e realidade", en palabras do seu realizador, reflicte a vida cotiá de "cinco autores que tocan nas rúas de Santiago e teñen en común que hai algo que os atrae e retén na cidade: son almas atrapadas en Compostela".

O director, amosouse "encantado" de poder presentar o seu traballo en primicia en Cineuropa "un festival, que como compostelán, tócame de cerca" e agradeceu á Concellería de Cultura a oportunidade de estrear nun evento "tan querido por todos os composteláns". A produtora do filme, Susana Martínez, coincidiu con Goris na importancia que ten para eles, persoalmente, poder estrear en Cineuropa o seu traballo porque, dixo, Cancións de pedra é un documental sobre Santiago feito por e para a cidade.

Pola súa parte, o director do Festival, José Luis Losa, loubou o filme, do que destacou o papel que xoga a propia cidade na película "actuando como polo de atracción dos protagonistas" e na que se ofrece "unha visión persoal e máxica da cidade, non só pola música, senón tamén pola historia que Goris presenta". Neste sentido, Losa salientou "a luz e o perfil orixinal" que de Compostela ofrece Cancións de pedra.

Na rolda de prensa, celebrada no Teatro Principal, tamén participou o xerente da Asociación Compostela Monumental, José Ángel Blanco, entidade patrocinadora da película. Blanco, auguroulle grande éxito ao documental pola "estupenda idea e o traballo" realizado por Goris e agradeceu a oportunidade de poder presentala no marco de Cineuropa.

Cancións de pedra pasarase de novo o sábado 20, ás 17:00 horas, na Aula Sociocultural de Caixa Galicia (r/ Carreira do Conde, 18).

Compartir: