PROMOCIÓN ECONÓMICA

Produtores, técnicos e consumidores participan nunha xornada informativa sobre comercio electrónico e agricultura ecolóxica

18/11/2010 O 19 de novembro celébrase no Centro Sociocultural do Ensanche a xornada GranxaFamiliar. Da horta á túa mesa cun só click en Internet. Alimentos tradicionais e comercio electrónico. Destinada a produtores/as, técnicos/as e consumidores/as, ten como obxectivos impulsar o desenvolvemento socioeconómico e difundir a utilización das novas tecnoloxías da comunicación e da información no medio rural galego, co fin de mellorar a calidade de vida e por en valor a cultura rural.

A Xornada é gratuíta e aberta ao público. As persoas interesadas que non se puideran apuntar a través do formulario habilitado en 'www.maiscompostela.org, poden anotarse o mesmo día da xornada no Centro Sociocultural do Ensanche. O evento, cofinanciado polo Fondo Social Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e o Plan Avanza, centrarase no comercio electrónico e nos produtos agrarios tradicionais, tratando de establecer canles de comunicación directa entre o medio rural e urbano, e de promover a difusión das TICs como ferramentas de intervención fronte ao fenómeno de exclusión socio-territorial coñecido como fenda dixital ou diferenzas no acceso ás novas tecnoloxías. A través desta iniciativa preténdese impulsar o desenvolvemento das capacidades de innovación no medio rural, revalorizar a cultura rural partindo do uso das novas tecnoloxías, e axudar a incrementar as rendas familiares no agro galego.

O encontro basearase nunha primeira exposición de especialistas, amosando casos de éxito para un debate de oportunidades e desafíos do medio rural galego e as súas implicacións nas canles de distribución e de consumo urbano. Mostraranse experiencias doutros territorios, como Cataluña, Irlanda e Italia, e analizarase a visión das asociacións de consumidores, as tendencias de consumo en Santiago de Compostela e as formas de comercio alternativo a través de internet. Logo darase paso a un debate sobre a viabilidade e oportunidade de novos modelos de desenvolvemento sostibles, saudables, respectuosos co medio ambiente e comprometidos socialmente para Galicia, nun contexto de difusión das TIC e implantación da Sociedade do Coñecemento. Tras este debate, aberto ao público asistente, haberá unha mesa redonda sobre o futuro da agricultura familiar e as posibilidades do comercio electrónico*.

Enmarcada no proxecto Anatole, esta Xornada está organizada por ADAF, a Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Familiar de Galicia, e conta coa colaboración da concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo; de Turismo de Santiago; de ADTERRA (Asociación para o Desenvolvemento dos Territorios polos Actores Locais); da USC e do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica.

Proxecto Anatole
O Proxecto Anatole (Atlantic Network’s abilites for tows to organise local economy), desenvólvese baixo o lema Unha aposta pola competitividade e calidade dos nosos mercados para o desenvolvemento da economía de proximidade. Promovido pola Asociación de Cámaras Agrarias do Arco Atlántico, é unha iniciativa transnacional para promover o intercambio de experiencias, a aprendizaxe intercultural, a formación e a conformación de redes no ámbito do desenvolvemento de mercados de proximidade para o sector primario. En Galicia, o promotor institucional do proxecto é a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo; o operador técnico a asociación ADTERRA, e o territorio de incidencia é o correspondente ao GDR 24 Terras de Compostela, do Programa LEADER.

Financiado polo programa europeo Espazo Atlántico con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), no Proxecto Anatole participan tres modalidades de socios do espazo atlántico europeo: os socios operadores técnicos, as cidades asociadas, e a CAVV (Conférence des Villes de L'Arc Atlantique). O promotor do proxecto é AC3A de Francia (Asociación de Cámaras de Agricultura do Arco Atlántico francés). Os operadores técnicos son a Deputación de Huelva, IMK (Itsasmendikoi), ADTERRA, IERU, Nantes Metropole, Irish Exporters / Weasthmeath, e Community Development. As cidades asociadas son Huelva, San Sebastián, Santiago de Compostela, Aveiro, Nantes, e Dublín.

GranxaFamiliar
GranxaFamiliar (www.granxafamiliar.com) é un proxecto desenvolvido polo GIS-T IDEGA da Universidade de Santiago, a partir da identificación dunha rede de granxas familiares nos concellos de Galicia. No proxecto traballan de forma complementaria e coordinada profesionais de diferentes áreas científicas: xeógrafos, economistas, traballadores sociais, sociólogos, arquitectos-urbanistas, psicopedagogos, etc. O seu obxectivo principal é contribuír ó desenvolvemento sostible de Galicia e a súa proxección internacional nos eidos social, económico e territorial na Sociedade da Información.

O proxecto GranxaFamiliar implica o desenvolvemento dun sistema de información e comunicación, a creación de oficinas nos concellos, a produción e xestión de contidos multimedia para website, un plan de marketing, o traballo de dirección e coordinación do sistema e a localización dos produtores locais. A través da web www.granxafamiliar.com estrutúrase unha comunidade virtual que ten como obxectivo promover o uso e difusión das TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación) como ferramentas e canais de comercialización dos produtos agrarios, de coñecemento mutuo entre comunidade rurais e urbanas, e de información e aprendizaxe. Trátase de establecer unha ponte de comunicación entre produtores e compradores co fin de evitar as elevadas comisións das empresas intermediarias, dirixindo as rendas en beneficio de ambos.

Documentos relacionados



Compartir: