EDUCACIÓN

O Concello e Stop Accidentes chaman á sensibilización cidadá sobre a violencia viaria

17/11/2010 O domingo 21 de novembro celebrase o Día mundial en recordo das vítimas da violencia viaria. O Concello de Santiago, en colaboración con Stop Accidentes súmase a este recoñecemento institucional cunha serie de actos que se celebrarán o día anterior, sábado 20, a partir das 12:30 horas, na praza do Toural.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou estes actos e recordou a importancia "prioritaria" que a educación viaria ten nos programas educativos do Departamento. Por iso, entre os actos previstos para o sábado 20 figuran obradoiros plásticos para nenos e nenas, baixo os títulos Elaboración dun atrapasoños e Panel en recordo das vítimas.

Os obradoiros celebraranse a partir das 11:30 horas no Toural. Nese mesmo lugar, unha hora despois, terá lugar un acto institucional. No mesmo, os alumnos da Escola Municipal de Música interpretarán unha peza en recordo das vítimas. Haberá intervencións institucionais e un acto simbólico denominado A testemuña das familias, e lerase un manifesto con motivo desta xornada.

Todos os cidadáns están chamados a participar neste acto, ao que tamén están convocados os servizos básicos de seguridade e atención sanitaria, os centros educativos, as asociacións da cidade, a Universidade e os medios de comunicación. O obxectivo é ofrecer un recoñecemento ás vítimas de accidentes de tráfico e á difícil situación dos familiares que se enfrontan ás consecuencias emocionais e prácticas destes tráxicos sucesos.

Na necesidade de concienciación e sensibilización incidiu a delegada en Galicia de Stop Accidentes, Jeanne Picard, quen cre que "aínda falta interiorizar persoalmente o que isto significa". Insistiu na importancia da prevención e de como esta axuda a salvar vidas.

Stop Accidentes leva traballando nesta materia dez anos, transcorridos os cales seguen reclamando a colaboración institucional. No momento actual, as súas reivindicacións principais pasan pola revisión dos baremos de indemnización e pola creación dunha oficina de atención ás vítimas.

Un problema social e de saúde pública
Os accidentes de tráfico provocan a morte cada ano de preto de 1,3 millóns de persoas. Estes accidentes xeran danos ou algunha incapacidade a máis de 50 millóns de persoas. Cada día, un mozo morre ou resulta ferido de gravidade por esta causa en Galicia.

Estes sinistros constitúen a principal causa de mortalidade entre os mais novos con idades comprendidas entre os 10 e os 24 anos.

Documentos relacionados



Compartir: