CULTURA

Luis Miñarro cualifica como imprescindibles festivais de calidade como Cineuropa

16/11/2010 O produtor de cine, Luis Miñarro, declarou que considera imprescindibles festivais que, como Cineuropa, fan unha aposta pola calidade e o cinema comprometido. "Sen este tipo de circuítos este tipo de cine estaría abocado ao fracaso", sentenciou na rolda de prensa con motivo da homenaxe que Cineuropa lle dedica ao produtor catalán na sección Focus-Retrospectiva 2010.

Luis Miñarro manifestou que o "cinema comercial distorsiona e vicia a mirada do espectador, ao que non ofrece valores nin ilustra" e incidiu na idea que "na sociedade existe unha perversión con respecto á cultura, de xeito que non se fala das mellores películas senón das máis vistas, nin dos mellores libros, senón dos máis lidos. Da mesma maneira, a política cultural está dominada pola industria". Neste sentido, subliñou que os festivais son "unha ventá de osíxeno, resistencia e liberdade para que este tipo de cine siga existindo" .

Luis Miñarro, que este ano avalou as catro películas que se proxectarán en Cineuropa , admitiu que "cada vez é máis difícil facer este tipo de cine" para comparar a cultura coa "maquillaxe do sistema, que en tempos de crise é arrinconada". "Unha equivocación, sinalou, porque a cultura e o sinal de identidade da democracia, o que a diferenza doutro tipo de arcaísmos, dende o tempo dos gregos e romanos".

Preguntado polo Premio Cineuropa 2010 a Oliver Laxe, Miñarro lamentou non ter podido entrar finalmente na súa película, Todos vós sodes capitáns, polo exceso de traballo acumulado o ano pasado, pero declarou coñecer ben o seu traballo, do que salientou a "liberdade, dose de espontaneidade e o feito de que non estea inscrito na dinámica mercantilista", para rematar augurándolle un grande éxito no futuro xa que é, dixo, unha persoa moi carismática e creativa.

A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, agradeceulle a Miñarro o seu traballo, xa que "grazas a el temos oportunidade de gozar de cine arriscado e comprometido como o de Isabel Coixet, José Luís Guerín ou Albert Serra". A concelleira destacou a importante produción de Miñarro este ano, o que posibilita que Cineuropa poida exhibir as catro longametraxes do produtor catalán O tío Boonmee lembra as súas vidas pasadas (Palma de Ouro en Cannes); O estranho caso de Angelica, de Manuel de Oliveira (Premio Cineuropa 2004); La mosquitera (Globo de Cristal en Karlovy Vary, Espiga de Prata e Premio á mellor actriz, Emma Suárez, na Seminci) e Aita (Premio á mellor fotografía en San Sebastián). García Conde tamén recordou os importantes vínculos do director co festival de cine compostelán, entre os que destacou a concesión a Familystrip, filme do que Luis Miñarro era ademais director, do premio do público ao mellor documental de Cineuropa 2009.

Pola súa banda, o director do Festival, José Luís Losa, dixo de Miñarro que "é un resistente fronte ás ditaduras do mercado" e salientou o importante palmarés obtido internacionalmente polas súas películas nos festivais cinematográficos máis prestixiosos, para sentenciar que "cando un recibe esa cantidade de premios neses festivais, no que hai actores, realizadores, escritores, etc., significa que ese cine está entre o mellor que se fai e unanimemente se lle recoñece". Losa loubou a traxectoria e o compromiso de Miñarro, e manifestou que "calquera tributo a Luis Miñarro, como o que este ano lle rende Cineuropa, está máis que xustificado, porque grazas á súa tarefa cada ano podemos ver o mellor que se fai", para concluír "larga vida ao cine que representa Luis Miñarro".

O produtor homenaxeado por Cineuropa, participou posteriormente no Foro Academia Aberta que, no marco de Cineuropa e auspiciado pola Academia Galega do Audiovisual, abordou o financiamento da produción cinematográfica. Un financiamento que, en opinión de Miñarro e pola súa experiencia en tempos de crise, tenderá cada vez máis a coprodución como no caso das súas cintas O tío Boonmee lembra as súas vidas pasadas (coproducido por cinco países) ou O estranho caso de Angelica (coproducido por tres).

Compartir: