XUNTA DE GOBERNO

Modificación do proxecto de reurbanización da rúa San Clemente pola fonte atopada

16/11/2010 A Xunta de Goberno aprobou o proxecto modificado da reurbanización da rúa San Clemente. Este cambio vén motivado pola aparición dunha fonte histórica neste espazo. Tamén se cambiou o proxecto do campo de fútbol de Villestro por causas sobrevidas.

A aprobación deste segundo proxecto modificado da reurbanización da rúa San Clemente (2º tramo da rúa Raxoi), supón fixar un importe de 741.174 euros, o que representa unha redución de 17.684 euros con respecto ao proxecto inicial. A obra recaerá na adxudicataria da obra principal.

Esta redución respecto do proxecto inicial está motivada pola diminución da superficie a tratar na reurbanización, xa que un tramo da rúa Raxoi inicialmente previsto non queda agora incluído nesta actuación. O tratamento da área na que se atopou a fonte será obxecto dun proxecto propio e diferenciado.

Cómpre lembrar que da fonte atopada en San Clemente sábese que data da época medieval e que se taparía a principios do XIX, xa que entre as moedas atopadas nos restos, aparece algunha que data de finais do XVIII, principios do XIX. Sábese tamén que durante unha época estivo a formar parte do Colexio San Clemente, dentro do seu recinto.

Deportes
O Goberno local tamén autorizou a redacción doutro proxecto modificado, neste caso do campo de fútbol de Santa María de Villestro, actuación financiada con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local. A novidade respecto da obra inicial correspóndese coa necesidade sobrevida de reconstruír os cerramentos existentes, debido ao seu desplome, e coa readaptación do sistema de ACS eléctrico proxectado ao gas, aproveitando a condución existente nun polígono de vivendas actualmente en execución.

Tamén en Deportes, aprobouse a sinatura dos convenios entre o Concello e as seguintes entidades: Escudería Compostela (12.000 euros, Club Arteal Tenis de Mesa (13.000 euros), Club Baloncesto Pío XII (28.000 euros) e Club Triatlón Bricosa (12.000 euros).

Medio Ambiente
A proposta da concelleira de Medio Ambiente, elevouse a definitiva a adxudicación do contrato de deseño, desenvolvemento, subministro e instalación dos recursos interpretativos e expositivos para a musealización do Centro de Interpretación do Medio Urbano e Natural de Santiago, por un importe de 200.000 euros.

Ademais, iniciouse o expediente de contratación do servizo de comunicación web para o proxecto ParkAtlantic, do Programa de Cooperación Territorial do Espazo Atlántico Europeo. Tamén se vai a contratar un servizo de secretaría técnica para o mesmo programa. No primeiro, o tipo de licitación é de 55.550 euros e, no segundo, de 67.000 euros.

Seguridade Cidadá
En materia de Seguridade Cidadá, adxudicáronse provisionalmente catro lotes de prendas para a Policía Local: prendas de confección a medida, 94.901 euros; accesorios, 5.247 euros; calzados, 7.788 euros, e cascos semiintegrais para motoristas, 2.55 euros.

Participación Cidadá
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi o da concesión inicial de subvencións ás asociacións veciñais sen ánimo de lucro para programas e actividades de interese xeral e sectorial e mantemento de equipamentos para 2010. Concédense subvencións a un total de 43 asociacións, por importe de 64.950 euros.

Festas
Xa con vistas ás festas do Nadal, inzouse o procedemento de contratación do arrendamento de carrozas para a Cabalgata de Reis 2011. O tipo de licitación fixado é de 35.850 euros.

Transportes
Finalmente, aprobouse orzamento de TRALUSA (UTE TRAPSA-AULUSA) para 2010 e a regularización de pagos a conta. As contas prevén uns gastos de 6.259.930 euros, uns ingresos de 3.297.062 euros e un déficit de 2.962.867 euros.

Documentos relacionados



Compartir: