CULTURA

A Banda Municipal segue a diversificar o seu repertorio na busca de novos públicos

15/11/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou a programación da Banda Municipal de Música ata maio de 2011, na que se continúa co labor de ampliación e diversificación do seu repertorio de cara a achegarse a novos públicos. Na rolda estivo acompañada polo director da Banda, Carlos Seráns, que afirmou que o público da agrupación "é moi estable e de certa idade, polo que temos a obriga de tentar achegar a xente máis nova".

A concelleira destacou o éxito da Banda, en canto a número de seguidores dos concertos, e o interese que está a espertar entre as xeracións máis novas, que se está achegando a esta música popular. "Estanse programando repertorios novidosos, con pezas recuperadas e outras contemporáneas", afirmou, "xunto con ensaios abertos e concertos didácticos con novos enfoques, non só para escolares senón tamén nos centros socioculturais de cara a abrirse a máis públicos".

Pola súa banda, Carlos Seráns fixo fincapé nos concertos especiais, como o que protagonizará a Banda xunto co grupo de jazz Roberto Somoza Quintet, ou os "Lembrando a", dedicados a Castelao, en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega; aos Tamara, no que participa -entre outros- Xurxo Souto; ou a Luís Brage. Tamén haberá concertos especiais, como os dedicados a Santa Icía, a patroa dos músicos; o de Nadal, adicado aos musicais; novos compositores galegos; para o Día da Muller Traballadora; para o Día das Letras Galegas; o especial de Antroido, etc. Seráns destacou tamén un concerto para bandoneón e banda, con Alejandro Szabo como solista.

Ademais, a Banda será dirixida por dous directores convidados: Francisco Javier Gutiérrez, director da Banda Municipal de Sevilla, e Fernando Bonete, director da Banda de Albacete.

NOTA: Do 10 de xaneiro ao 12 de febreiro, por mor das obras no Teatro Principal o concerto dos domingos terá lugar na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

Compartir: