URBANISMO

EMUVISSA fai balance de dez anos de política municipal de vivenda

15/11/2010 A Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Santiago de Compostela (EMUVISSA) cumpre dez anos xestionando solo e vivenda na cidade e sendo o instrumento principal da política municipal deste ámbito. Para celebralo, o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia acolle o 15 e o 16 de novembro as xornadas Dez anos de política municipal de vivenda.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, abriu estas xornadas e recordou o papel decisivo de EMUVISSA no desenvolvemento da cidade. Mostra disto é que, nos seus dez anos de vida, xestionou 900.000 metros cadrados de solo nos que se construíron máis de 4.500 vivendas de protección pública e 2.000 libres, sen esquecer tampouco a xestión de solo industrial.

Lembrou que o modelo da empresa, con este peso público, é único en España e un exemplo a seguir. Ademais, falou dos retos futuros, como os polígonos que se desenvolverán nos vindeiros anos, como os do Castiñeiriño, San Lázaro, as áreas industriais do norte ou o polígono da Pulleira.

Tras a inauguración polo alcalde, as xornadas Dez anos de política municipal de vivenda continuaron cos diferentes relatorios. O primeiro correu a cargo do urbanista Ánxel Viña Carregal, que falou de Planeamento urbanístico. O proxecto de cidade. Santiago 1990-2010.

Completaron a xornada da mañá o arquitecto e ex alcalde de Santiago Xerardo Estévez, co seu relatorio sobre Estratexias e fitos no desenvolvemento do Plan Xeral de 1989, e a concelleira de Urbanismo e vicepresidenta de EMUVISSA, Mercedes Rosón, cunha intervención baixo o título Retos para xestionar unha política municipal de vivenda: o papel de EMUVISSA. Para a xornada da tarde estaban previstas dúas mesas redondas: unha con representantes de cooperativas e promotoras sobre a viabilidade e rendibilidade dos proxectos de promoción protexida, e outra con arquitectos e construtoras relativa aos retos e normas da edificación na vivenda protexida.

Para o martes 16 quedan os relatorios do director xeral do IGVS, Antonio Boné; da secretaria xeral de Vivenda do Ministerio de Fomento, Anunciación Romero; e do avogado Enrique Bueso. As xornadas pecharanse cunha mesa redonda sobre os dez anos de EMUVISSA, na que participarán os directores-xerentes dende a creación da empresa.

Concursos de debuxo e fotografía
Para celebrar o seu décimo aniversario, ademais destas xornadas, EMUVISSA ten en marcha un concurso de debuxo e outro de fotografía. O primeiro, denominado I Concurso de Debuxo Infantil A miña rúa, o meu barrio, está dirixido a escolares de educación primaria dos centros de ensino de Santiago. A temática é o desexo da propia rúa como espazo de relación e xogo respecto ao seu medio inmediato, o barrio. A entrega de traballos está aberta ata o 30 de novembro.

Para os maiores de 16 anos, a empresa organiza o I Concurso de Fotografía Realidades de EMUVISSA. Afeccionados ou profesionais poden participar neste certame, cuxa temática será calquera aspecto (edificios, espazos libres, vías, beirarrúas, mobiliario, etc) das obras finalizadas de EMUVISSA, localizables en www.emuvissa.com. Os traballos presentarase tamén antes do 30 de novembro.

Compartir: