PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Homenaxe veciñal a Luís Pasín, Concepción Rozas e Xosé Mª Juncal

12/11/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu na Casa das Asociacións o acto de homenaxe a tres persoas relacionadas co movemento veciñal: Luís Pasín, Concepción Rozas e Xosé Mª Juncal. Logo, veciños e homenaxeados compartiron unha cea.

Sánchez Bugallo tivo palabras de agradecemento ao seu labor para todos os tres homenaxeados: Luís Pasín Liñares, ex concelleiro; Concepción Rozas Cesar, vogal da A.V. "Sandra Prego" da Pontepedriña; e Xosé Mª Juncal Míguez, ex presidente da A.V. "Río Sarela" da Peregrina e presidente de FERUSA.

Luís Pasín
De Luís Pasín, o alcalde lembrou a súa longa traxectoria política, sindical e veciñal. Nado o 14 de febreiro de 1934 na rúa da Espiñeira (barrio de Santa Marta), estivo toda a súa vida moi vinculado ao barrio de Conxo, onde os seus pais Luís e Carmen, tiñan naquel tempo unha coñecida taberna, O Navegante.

Pasín entra no Partido Comunista como militante de base no ano 1958, da man de Pepe Caamaño e Evaristo Mujico e a súa vinculación con este Partido chega ata o ano 1984. No Comité Local do PC, estaba a cargo da Organización. Era o enlace co Comité Universitario e representantes sindicais, daquela o Sindicato Vertical do Movemento. O Partido Comunista liderou a organización do Movemento Estudantil na Universidade compostelá. A influencia do seu avó, Xosé Pasín Romero, foi clave nos primeiros inicios políticos de Luís Pasín. Xosé Pasín foi un republicano e sindicalista, sempre ao lado das causas das persoas máis humildes, e foi o primeiro obreiro que accede á corporación municipal no período 1910-1934.

O movemento cidadá que xorde nos anos 1965-1976 ten as súas raíces no barrio de Conxo. Luís Pasín forma parte da primeira comisión veciñal (logo Asociación Veciñal "Doutor Maceira", legalizada con atrancos en 1976) en defensa da desfeita da primeira reparcelación de Conxo, que levaba ao derrubo de máis de 300 vivendas, a gran maioría de propietarios moi humildes.

Luís Pasín entra no Concello de Santiago de Compostela no ano 1979, coas primeiras eleccións democráticas, polo Partido Comunista de Galicia, sendo concelleiro do PC durante 8 anos. Despois entra nas listas do Partido Socialista como independente e continúa como concelleiro durante outros 16 anos.

Como concelleiro ocupou diversas delegacións: tráfico, limpeza, turismo, relacións veciñais, infraestruturas, vías e obras, parques e xardíns e investimento. Lémbranse da súa época como concelleiro medidas como a regulación do tránsito de vehículos e a eliminación do estacionamento na praza do Obradoiro e na Zona Vella, ou a execución do primeiro e segundo Plan de Actuación Municipal (PAM), levando auga, luz, sumidoiros, saneamento e pavimentación aos barrios e parroquias.

Concepción Rozas
Concepción Rozas tamén goza dunha longa traxectoria no asociacionismo veciñal. Así, na homenaxe recordouse o seu compromiso para axudar e traballar con e para os demais.

Cando se trasladaron ela e o seu marido Luís Tojo dende Vite á Ponte Mantible, traballou xunto cos demais a facer unhas vivendas nuns terreos herdados, pasando por certas dificultades durante a súa construción, pero grazas a súa loita conseguiron saír adiante e facer a casa.

O seu marido Luís encargouse durante anos de organizar as festas patronais tanto de Guadalupe como da Ponte Pedriña, así como de sacar as respectivas virxes en procesión, pero quen realmente estaba detrás de todos estes actos era Concepción, que supervisaba os actos, tanto musicais como relixiosos, lembrouse.

No ano 2004 entrou a formar parte da nova xunta directiva da AV "Cardeal Quiroga", ata o 2005, ano no que esta asociación pasou a chamarse "Sandra Prego Rial", cambiando unha parte importante da directiva logo da fusión dos grupos de vivendas Cardeal Quiroga e Compostela. Durante a súa presenza na directiva, en calidade de vogal, sempre estivo traballando, colaborando e dando ideas en todo aquilo que era necesario para o interese da veciñanza.

Actualmente colabora e contribúe con iniciativas dentro da Asociación de Avoas da Ponte Pedriña, a pesar de certas trabas familiares. Ademais, colabora coa Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS).

Xosé Mª Juncal
O terceiro dos homenaxeados, Xosé Mª Juncal, é o presidente da Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (FERUSA) e leva moitos anos exercendo de defensor dos intereses da veciñanza do rural de Compostela, tanto no ámbito da súa parroquia (A Peregrina) como de todo o rural, sendo un experto coñecedor da súa problemática e peculiaridades.

No acto celebrado na Casa das Asociacións incidiuse en que é unha persoa querida e valorada polas demais compañeiros e compañeiras do movemento veciñal.

Compartir: