CULTURA

Fin de semana de Cineuropa coas propostas máis anovadoras do novo cinema galego

12/11/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou en rolda de prensa a programación desta fin de semana en Cineuropa, que centra boa parte da atención no cinema galego, con 26 filmes -a maioría, curtametraxes- de novos autores, como son David Castro, Xurxo González, Marcos Nine, Víctor Hugo Seoane, Manu Mayo, Lara Bacelo, Ángel Agudo e Lois Patiño. Catro deles -Seoane, Nine, Mayo e Patiño- falaron na rolda dos seus traballos, xunto con Martin Pawley, coordinador da sección En Galicia do Festival, e José Luis Losa, director de Cineuropa.

García Conde amosou o seu orgullo pola vizosidade do novo cinema galego e tamén agradecemento porque os novos autores galegos aposten por Cineuropa para presentar os seus traballos. Trátase, ao seu ver, dunha nova xeración "unida pola renovación da linguaxe cinematográfica galega". Segundo Martin Pawley, o que teñen en común estes cineastas é "que se aproveitan das ferramentas que hai hoxe en día para a creación e que desenvolveron os seus proxectos cinematográficos de forma autónoma e sen o apoio de grandes produtoras".

Marcos Nine é un dos máis prolíficos e presenta este ano en Cineuropa catro dos seus últimos traballos: Aaron, retrato da vida dun neno de 4 anos cunha cámara; A fábrica, documental sobre a industria textil en Boiro; Manuscritos pompeianos e Radiografía dun autor de tebeos, documental sobre David Rubín, debuxante de BD.

Víctor Hugo Seoane presenta a primeira montaxe dunha longametraxe titulada Lugares no tempo, ademais de dúas curtas asinadas xunto con Jaione Camborda e Iván Marcos: El vaivén e Na distancia.

Manu Mayo falou do seu filme, Dous de vintetantos, unha longametraxe documental que trata de recuperar a memoria das persoas que morreron en accidentes de tráfico.

Lois Patiño presenta en Cineuropa varias series de curtas: Rostros de arena, retratos de persoas con vida asocial onde o director se mergulla na súa vida; Paisaxe-duración, documental "observacional", Paisaxe-distancia e Recordando los rostros de la muerte.

Compartir: