ALCALDÍA

O alcalde e a nova xerente da Fundación Cidade da Cultura falan dos últimos detalles antes da inauguración do complexo

12/11/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a nova xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, mantiveron unha reunión en Raxoi.

A inauguración da primeira parte da Cidade da Cultura, prevista para primeiros do mes de xaneiro, foi un dos temas dos que conversaron o alcalde e a xerente. Sánchez Bugallo indicou que o Concello prestará "todo o apoio e facilidades ao noso alcance para que esta apertura sexa o máis exitosa posible". Neste sentido, amosouse convencido de que "cantas máis persoas a coñezan, máis apoios concitará a Cidade da Cultura, superando ideas preconcebidas".

Tras a reunión e ante os xornalistas, o alcalde insistiu no "enorme atractivo" da Cidade da Cultura e da urbanización do seu entorno, aínda que recordou a dificultade que supón a falta das conexións viarias e peonís. Esta cuestión, ao igual que a falta de dotación orzamentaria para rematar os edificios restantes, serán formuladas por Sánchez Bugallo no Padroado da Fundación, do que forma parte, xa que, como indicou, "estou seguro que a xerente da Fundación sería a máis satisfeita si se resolvera isto".

Beatriz González indicou que a xuntanza era unha primeira toma de contacto e a súa confianza en que estas reunións teñan continuidade. Indicou que agora a Fundación está traballando na apertura ao público da Cidade da Cultura e na programación da mesma.

Compartir: