ALCALDÍA

O Premio Nobel Samuel Ting pecha as visitas da quinta edición do Programa ConCiencia

11/11/2010 A dez días da presenza en Santiago do naturalista e divulgador británico David Attenborough para recoller o III Premio Fonseca, o Programa ConCiencia recibiu a visita do Premio Nobel de Física en 1976, Samuel Chao Chung Ting. O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiuno en Raxoi, onde o científico asinou no Libro de Honra.

O físico estadounidense tiña previsto ofrecer xa pola tarde, no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia, unha conferencia titulada "O AMS na Estación Espacial Internacional: un experimento para buscar o Universo de antimateria e as orixes da materia escura e radiación cósmica". Na xornada da mañá tamén foi recibido polo reitor da USC, Juan Casares, e mantivo cadanseu encontro cos medios de comunicación e cos alumnos e investigadores da Facultade de Física.

Revolucionario
Samuel Chao Chung Ting, xunto con Burton Richter, viu premiado pola Academia sueca o seu traballo pioneiro no descubrimento, en 1974, dun novo tipo de partícula elemental pesada, denominada J/psi, o primeiro estado composto formado por quarks e antiquarks pesados, revolucionando así a física de partículas, por ser absolutamente inesperada a longa vida destes estados.

Este Premio Nobel é un dos iniciadores dos grandes experimentos en física de partículas que coñecemos na actualidade. Dende principios dos 90 dirixiu o experimento espacial AMS, dedicado á busca de antimateria no espazo exterior e cuxa segunda fase inclúe o seu lanzamento no mes de febreiro, dende o Kennedy Space Center, no transbordador espacial Endeavour, rumbo á Estación Espacial Internacional, na que será a última misión da historia dos transbordadores espaciais que comezara en 1981 co Columbia.

Compartir: