CULTURA

XVI edición do Premio de Investigación sobre o Traxe Galego Antonio Fraguas

08/11/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou xunto coa presidenta da Asociación do Traxe Galego, Rita Miramontes, a convocatoria da XIV edición do Premio de Investigación Antonio Fraguas sobre o Traxe Tradicional Galego.

En palabras de García Conde, este galardón pretende "recuperar e documentar o traxe galego" e, grazas a isto, "avanzouse moitísimo na recuperación desta peza e pulíronse as contaminacións que se foron producindo ao longo da historia". É o único certame de investigación sobre o traxe tradicional que existe en Galicia e consta de dúas modalidades:

- traballos analíticos (dotado con 1.200 euros): recolleita e catalogación das formas e tamén investigación das crenzas e valores relacionados co traxe, ademais dos aspectos sociolóxicos.

- traballos descritivos, dotado con 600 euros, nos que se han de especificar a materia con que están feitas as pezas, medidas, patróns, onde se atoparon, etc.

O xurado está formado por Xosé Manuel González Reboredo, do Consello da Cultura Galega; Ana Blanco Amor, da Fundación Rosalía de Castro; Felipe Senén, da Deputación da Coruña; e Xesús Ferro Ruibal, do Centro Ramón Piñeiro. A data límite de presentación dos traballos é o 30 de novembro de 2010.

A publicación do fallo e entrega de premios terá lugar no Salón Nobre do Pazo de Raxoi na primeira quincena do mes de decembro en data aínda sen concretar. Colaboran coa Asociación do Traxe Galego na convocatoria deste galardón a Concellaría de Cultura e o Centro Comercial Compostela.

A Asociación do Traxe Galego é unha entidade cultural sen ánimo de lucro que dende 1995 vén traballando desde distintas vertentes sobre obxectivo xeral da promoción e dignificación do traxe tradicional galego. Organizan, entre outras cousas, o Día do Traxe Tradicional que se celebra durante as Festas do Apóstolo.

Documentos relacionados



Compartir: