VISITA DO PAPA BENEDICTO XVI

Bieito XVI demanda en Santiago unha Europa "aberta á trascencencia e á fraternidade con outros continentes"

06/11/2010 Bieito XVI presidiu a Eucaristía na praza do Obradoiro ante unhas 6.000 persoas. Outras moitas persoas seguiron a cerimonia dende as sete pantallas dispostas noutros puntos da cidade. o Papa recordou unha vez máis a súa presenza en Santiago como "peregrino entre os peregrinos", aos que definiu como "forxadores do xenuíno espírito xacobeo".

Na súa homilía, Bieito XVI botou a mirada "á Europa que peregrinou a Compostela" e preguntouse polas súas necesidades, temores e esperanzas, e pola achega da Iglesia a esa Europa. Demandou que a "palabra santa non se pervirta facéndoa servir a fins que lle son impropios" e avogou por unha Europa "aberta a Deus" e que debe "saír ao seu encontro sen medo, traballar coa súa gracia por aquela dignidade do home que descubriran as mellores tradicións: ademais da bíblica, fundamental nesta orde, tamén as de época clásica, medieval e moderna, das que naceron as grandes creacións filosóficas e literarias, culturais e sociais de Europa".

"A Europa da ciencia e das tecnoloxías, a Europa da civilización e da cultura, ten que ser á vez a Europa aberta á trascendencia e á fraternidade con outros continentes, ao Deus vivo e verdadeiro dende o home vivo e verdadeiro", dixo Bieito XVI. Ademais, proclamou en Compostela "a gloria do home, que advirta das ameazas á súa dignidade polo expolio dos seus valores e riquezas orixinarios, pola marxinación ou a morte inflixidas aos máis débiles e pobres".

Mensaxe aos mozos e aos peregrinos
O Papa tamén tivo unha mensaxe para os mozos, amosándolles a "vía para que, renunciando a un modo de pensar egoísta, de cortos alcances, como tantas veces vos propoñen, e asumindo o de Xesús, podades realizarvos plenamente e ser semente de esperanza". Así, engadiu,"isto é o que nos recorda tamén a celebración deste Ano Santo Compostelán. E isto é o que no secreto do corazón, sabéndoo explicitamente e sentíndoo sen saber expresalo con palabras, viven tantos peregrinos que camiñan a Santiago de Compostela para abrazar ao Apóstolo. O cansancio do andar, a variedade de paisaxes, o encontro con persoas doutra nacionalidade, ábrenos ao máis profundo e común que nos une aos humanos: seres na busca, seres necesitados de verdade e de beleza, dunha experiencia de gracia, de caridade e de paz, de perdón e de redención".

A Súa Santidade rematou a súa homilía novamente en galego, pendido que "Santiago, o amigo do Señor, acade abundantes bendicións para Galicia, para os demais pobos de España, de Europa e de tantos outros lugares alén do mar onde o Apóstolo é sinal de identidade cristiá e promotor do anuncio de Cristo".

Antes da súa homilía, o arcebispo compostelán, Julián Barrio, saudou a Bieito XVI, de quen dixo, trae "verbas de vida que renovarán a nosa esperanza de peregrinos en camiño cara a gloria". "Aquí chegan o Camiño de Santiago ou os camiños nos que se contemplan novos horizontes que fan recapacitar sobre as angosturas da propia existencia e a inmensidade que o ser humano ten dentro e fóra de sí, preparándolle para ir en busca do que realmente o seu corazón anhela. O peregrino volve sempre ás súas raíces. Tal vez por eso, a maraña de camiños de Santiago sobre un mapa, parece unha gran raíz. E no Camiño xurden preguntas necesarias que buscan respostas clarificadoras", indicou.

Tras a cerimonia de preto de dúas horas oficiada polo Pontífice e na que a música foi interpretada en directo pola Real Filharmonía de Galicia e a Capela Musical da Catedral, concluíu a súa presenza en Compostela. O Papa Bieito XVI saudou por última vez os congregados na praza e saíu cara o aeroporto, dende onde voou rumbo a Barcelona tras ser despedido polos Príncipes de Asturias e o resto de autoridades.

Direcciones relacionadas



Compartir: