ALCALDÍA

Todo listo para a visita da Súa Santidade o Papa Bieito XVI a Santiago

05/11/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asegurou en rolda de prensa que "todo está preparado" para a visita a Santiago do Papa Bieito XVI. Deste xeito, está todo disposto para un acontecemento cuxo operativo principal discorrerá entre as 22:00 horas do venres e as 22:00 horas do sábado, cando ademais do propio Pontífice, teñan deixado a cidade os milleiros de visitantes que estarán en Compostela.

"Confío en que a sorte nos acompañe", indicou Sánchez Bugallo, á vez que convidou os cidadáns de Galicia a "vir a Santiago sen temor", asegurándolles que terán sitio nas rúas e prazas da cidade, e que aínda quedan prazas hoteleiras. Na súa opinión e a propósito do dispositivo de seguridade e mobilidade, "a práctica e a experiencia" durante todo este Ano Santo son un bo aval e "non debería haber problema". Recordou tamén que os establecementos hostaleiros e mesmo comerciais poderán abrir durante toda esta noite, coa única prohibición da venta de alcohol vixente a partir das 22:00 horas.

Na súa comparecencia ante os medios, repasou algúns dos aspectos do operativo da visita, coma o feito de que o Pazo Arcebisbal ou mesmo algunha salas da Casa do Concello serán "territorio Vaticano", ou que será a Igrexa a que leve as directrices durante a xornada do 6 de novembro.

Preguntado polos xornalistas, referiuse á manifestación da noite do xoves en contra da visita do Papa. Cualificou os participantes coma un "grupo minoritario", pero afirmou respectar "o dereito á liberdade de expresión, sempre que o fagan por medios pacíficos e sen crear problemas a outros veciños".

Satisfacción polo rumbo do tema das liñas de baixo custo
Outro dos temas sobre o que falou o alcalde foi o da última reunión técnica do Comité de Rutas. Expresou a súa "satisfacción" e que, "aínda que hai aínda moitos flecos por pechar e cuestións que formalizar, creo que se vai na dirección correcta". Anunciou novidades para as vindeiras semanas e reiterou que "é moi malo xogar coas cartas boca arriba".

Compartir: