ALCALDÍA

O Congreso aproba a declaración do 800 aniversario da consagración da Catedral como feito de excepcional interese público

04/11/2010 O Congreso dos Deputados aprobou a emenda de adición aos Orzamentos do Estado pola que o 800 aniversario da consagración da Catedral de Santiago se declara acontecemento de excepcional interese público. Así o anunciou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, que cualificou como "extraordinaria" a noticia. A medida permitirá outorgar os máximos beneficios fiscais que a Lei prevé, nas mesmas condicións que neste Ano Santo.

O alcalde destacou a excepcionalidade de que se outorguen estes beneficios fiscais xusto ao ano seguinte do Xacobeo e tamén de que os vaia xestionar o Consorcio de Santiago, pois recordou que normalmente este tipo de incentivos se xestionaban nun consorcio específico formado polo Ministerio de Economía e a Administración beneficiaria. Tras recordar que se levaba oito meses traballando neste tema, indicou que o Concello defendeu nas negociacións este modelo de xestión, "porque no Consorcio están representadas as administracións local, autonómica e estatal, e dentro desta última o propio Ministerio".

"Agora empezaremos a traballar dende o Consorcio nos mecanismos para aplicar estes beneficios fiscais e para lograr que se adhira o maior número de empresas", apuntou Sánchez Bugallo. Os investimentos que realicen as empresas destinaranse "ao Plan Director da Catedral e a actividades para por en valor a Catedral de Santiago e o que esta significa", engadiu. Entre estas actividades, manifestou a intención de por en marcha programas divulgativos, congresos e mesmo una "exposición importante" con motivo da inauguración do Museo das Peregrinacións e da Cidade de Santiago.

Confía o alcalde en que os ingresos que se poidan captar poidan achegarse aos 14 millóns de euros da Capitalidade Cultural do ano 2000. Estes fondos, dixo, "permitirán actuar cunha previsión que doutra maneira non sería posible". Ademais, espera que o investimento, dado o seu carácter finalista, "se poida materializar en anos sucesivos", recordando que o Plan Director prevé actuacións para 11 anos.

Coñecida a noticia, que para Sánchez Bugallo vaticina "un ano extraordinario para Santiago", expresou o agradecemento polo seu traballo ao secretario de Estado de Facenda e Orzamentos, Carlos Ocaña; á subsecretaria de Economía e Facenda, Juana Lázaro; e aos deputados Ceferino Díaz e Félix de la Rosa.

Compartir: