ALCALDÍA

O alcalde convida os veciños e veciñas a participar activamente na visita do Papa

04/11/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, convida nun bando a todos os veciños e veciñas a participar nos actos da visita do Papa Bieito XVI. Ademais, pídelle aos cidadáns que sexan hospitalarios cos visitantes e que cumpran coas normas de seguridade e mobilidade.

Sánchez Bugallo indica que o sábado 6 de novembro, Santiago vivirá un día histórico. "Será a primeira vez que nos visite o actual Papa, Bieito XVI, e a primeira que un sumo pontífice vén a Compostela como peregrino, nunha clara mostra de apoio ao Ano Santo 2010 e á significación do Camiño. Por este motivo debemos sentirnos inmensamente honrados e orgullosos, como composteláns e como galegos".

Consciente dos milleiros de visitantes que nesta xornada chegarán á cidade, o alcalde comunícalle aos veciños que "como bos anfitrións, debemos esforzarnos en facerlles cómoda e pracenteira a súa estadía, para que lembren Compostela non só pola súa beleza e pola especial xornada que van vivir, senón tamén pola amabilidade e bo facer da súa xente". Ademais, prega a todos os cidadáns que "respecten as normas de mobilidade e de seguridade elaboradas e publicadas ao efecto, e que se preste colaboración activa aos corpos e forzas de seguridade".

Finalmente, anima a todos os veciños e veciñas a que "non se limiten a ser meras testemuñas". Convídaos a disfrutar dun día histórico, a participar nos actos programados e a contribuír a engalanar a cidade. "Teño a certeza de que entre todos acadaremos un grande éxito para Santiago e para Galicia", conclúe.

Documentos relacionados



Compartir: