CULTURA

No mes de Cineuropa tamén haberá música clásica, folk, curtas e artes plásticas

03/11/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron a programación cultural da cidade para o mes de novembro, que como todos os anos está protagonizado por Cineuropa. Ademais da cita para cinéfilos/as por excelencia, este mes chega unha variada oferta de concertos de clásica, percusión, banda e folk; acompañada das curtas de +Curtocircuito, entre outras cousas.

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá tres concertos os días 4, 11 e 25 con tres directores convidados, como son Juanjo Mena, David Afkham e Christoph König. Interpretarán a Haydn, Beethoven, Mozart e Prokofiev, entre outros, solistas do talle de Roberto Díaz á viola, Lars Vogt ao piano ou Arabella Steinbacher ao violín. Para o concerto do xoves 4 os afeccionados tamén poderán gozar de balde dun ensaio aberto completo ás 11 da mañá no Auditorio.

Ademais, o día 13 bota a andar o ciclo Sons da Diversidade con Berrogüetto, estandarte do folk galego máis innovador que presenta Kosmogonías, o seu novo disco. Dentro do Programa Didáctico, Odaiko Percussion Group fará un concerto para escolares. García Conde tamén salientou os concertos dos domingos no Principal da Banda Municipal, "aos que cada vez se suma máis xente".

Pola banda do cinema, ademais de Cineuropa, que ten lugar do 10 ao 3 de decembro, o programa +Curtocircuito, que se estende por todo o ano, ofrece neste mes as mellores curtas dos Goya deste ano e tamén unha selección de filmes cubanos, dado que este ano a illa caribeña foi o país convidado a este Festival.

En canto a plástica se refire, continúa a exposición Outumuro Looks no Auditorio de Galicia, así como A Cidade Interpretada, que podemos contemplar por toda a cidade, e Bosque 3.050, de Xurxo Oro Claro, que estará na Igrexa de Bonaval ata o 9 de xaneiro de 2011.

Ademais, continúa a programación dos centros socioculturais, con variada oferta, como catas de mel, queixo e viños; exposicións de fotos; xogos para nenos, etc.

Compartir: