SEGURIDADE CIDADÁ E CIRCULACIÓN VIARIA

O Concello distribúe un folleto co plan de mobilidade e recomendacións con motivo da visita do Papa Bieito XVI

02/11/2010 Non se restrinxirá o tránsito de persoas polo Casco Histórico con motivo da visita do Papa Bieito XVI. Así o quixo resaltar a concelleira de Seguridade Cidadá e Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, na presentación á prensa dos folleto que se está a distribuír co plan de mobilidade e seguridade e coas recomendacións para esta data histórica do sábado 6 de novembro.

Álvarez-Santullano quixo deixar claro que, á marxe dalgunha decisión que a propia acumulación de xente obrigue a tomar en determinados momentos, a xente poderá transitar a pé con normalidade polo Casco Histórico. Tamén quixo reiterar que a Praza de Abastos poderá abrir con normalidade a mañá do 6 de novembro, facilitándose o acceso igualmente para a carga e descarga.

Aclaradas estas dúas cuestións, a concelleira anunciou que, como estaba previsto, a partir das 20:00 horas do xoves 4 quedará prohibido o estacionamento no percorrido do Papa: San Lázaro, avenida do Camiño Francés, praza de España, San Caetano, praza da Paz e avenida de Xoán XXIII. Ademais, na noite do venres ao sábado procederase a retirar os 30 colectores existentes neste tramo.

Todas estas cuestións sobre mobilidade e seguridade están recollidas nun folleto que o Concello xa distribuíu a fogares e establecementos do Casco Histórico, no que se recolle tanto o Plan de Mobilidade e Seguridade con motivo da visita do Papa como unha serie de recomendacións e avisos para todos aqueles que queiran achegarse e desprazarse por Santiago nesa xornada. Editáronse 10.000 exemplares, que se repartirán tamén noutros puntos da cidade.

Compartir: