EDUCACIÓN

Os concellos das sete principais cidades galegas analizarán en Raxoi os retos da xestión educativa municipal

27/10/2010 O xoves 28 de outubro, ás 10:00 horas, celebrarase no Centro de Estudos avanzados da USC (parque de Vista Alegre) unha reunión na que participarán os responsables políticos e técnicos de Educación dos concellos de Santiago, Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol.

Esta é a primeira xuntanza de Concellos e Educación na que os responsables políticos e técnicos das área de Educación, convidados pola concelleira de Educación de Santiago, Mercedes Rosón Ferreiro e a súa homóloga en Vigo, Laura López Atrio, compartirán o interese e a preocupación por diferentes asuntos relacionados coa educación nos concellos, de acordo cunha densa orde do día. Este encontro ten como obxectivo a análise e a busca de solucións ás demandas e retos no ámbito da xestión educativa municipal e a súa relación coa administración autonómica.

Coincidindo cos 25 anos da celebración da I Xornada Galega sobre Concellos e Educación e nun contexto marcado moi profundamente polas dificultades económicas que están a incidir no sistema de benestar que ao longo dos anos se foi construíndo dende os concellos, os organizadores consideran especialmente acaído realizar un esforzo de reflexión e de alternativas para unha mellor xestión pública dos intereses cidadáns e unha oportunidade para acadar criterios e puntos de vista comúns na mellor prestación dos servizos que os municipios están a prestar ao conxunto da cidadanía

Con tal motivo e aproveitando a concorrencia das cidades de Vigo e de Santiago nun dos grupos de traballo da Rede Estatal de Cidades Educadoras, convócase unha primeira xuntanza de contacto entre as cidades de maior entidade demográfica de Galicia, coa vontade decidida de facela extensiva a outros concellos, co obxectivo de repensar o papel dos municipios na educación e para avanzar na delimitación de competencias e os conseguintes recursos económicos que nos permitan unha mellor actuación.

As conclusións desta primeira xuntanza daranse a coñecer posteriormente nunha rolda de prensa que se celebrará en Raxoi ás 13:00 horas.

Compartir: