CULTURA

A Concellaría de Cultura convoca un concurso para a elaboración do cartel da vindeira edición de Curtocircuíto

27/10/2010 A Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais organiza un concurso para a realización do cartel da VIII edición de Curtocircuíto, Festival internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela. O concurso ten como fin estimular a creatividade dos artistas participantes e fomentar a difusión do festival, que terá lugar en do 7 ao 15 de maio do 2011.

Poderán presentarse a este concurso persoas de calquera nacionalidade, individualmente ou en colectivo, podendo presentar dous deseños como máximo. O proxecto gañador obterá un premio de 600 euros que lle será entregado ao autor ou autores na gala de inauguración do Festival. O estilo e a técnica ou técnicas a utilizar na súa elaboración son de libre elección polos participantes, sendo o formato final de entrega dixital. Nas bases, que xa están dispoñibles na web da concellaría www.compostelacultura.org e na propia do Festival, www.curtocircuito.org indícase as medidas do cartel, así como características máis específicas do mesmo.

Así mesmo, nas bases explícase tamén a forma e lugar de presentación dos deseños, que deberán de ser inéditos, así como a data límite de presentación de proxectos, que será o 17 de decembro, Da mesma forma, tamén recollen estas bases os membros que formarán o xurado así como os compromisos que adquire o premiado.

Compartir: