XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno concede a licenza para o novo edificio de xulgados de Fontiñas

26/10/2010 A Xunta de Goberno acordou conceder a licenza solicitada pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para a construción dun novo edificio de xulgados na parcela SC-16 de uso institucional-administrativo, situada na rúa Berlín, en Fontiñas.

O Concello cedera unha parcela de 219 metros cadrados, para sumar unha superficie total de 410 metros cadrados, na que se construirá o novo edificio de xulgados, moi preto do edificio actual. A ampliación suporá a creación de tres novas salas para vistas e doutras seis para xulgados.

Tamén na área do urbanismo, acordouse a reversión da parcela R.2 do SUNP-6 de San Lázaro, cedida en 2006 para a construción dun Centro Galego de Artesanía e Deseño por incumprimento do prazo de dous anos dende a formalización do acordo de cesión (decembro de 2006) para o inicio das obras.

Oferta de Emprego Público 2010
En materia de Persoal, aprobouse a Oferta de Emprego Público 2010. Contempla 24 prazas de quenda libre do cadro funcionarial, 13 de quenda libre do cadro laboral e 23 de promoción interna do cadro funcionarial.

Camiño de Santiago
Entre outros asuntos, na sesión deuse igualmente conta da sinatura do convenio entre o Concello e a Consellería de Cultura e Turismo para o desenvolvemento do proxecto de posta en valor do Camiño Francés a Santiago de Compostela ao seu paso por San Paio. O organismo autonómico achega 153.305 euros.

Documentos relacionados



Compartir: