EDUCACIÓN

Pepe Bruno e Mariona Cabassa reciben o III Premio Compostela pola obra "A familia C"

26/10/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, entregou o III Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, organizado pola Concellería de Educación en colaboración coa Editorial Kalandraka no marco da Campaña de Animación á Lectura. Mariona Cabassa e Pep Bruno recibiron o galardón pola súa obra A Familia C.

A Familia C logrouse impoñer nunha terceira edición na que participaron 519 traballos procedentes de 22 países. Os traballos do catalán Raimon Juventen e Corberó, Manual do bo paseante. Descrición en vinte puntos, e da arxentina Vanina Soledad Starkoff, Bailar nas nubes, resultaron os finalistas deste certame internacional.

Na súa intervención tras recoller o galardón de mans do alcalde, a ilustradora destacou canto significaba para ela esta distinción, oito anos despois de que Pep Bruno e mais ela traballaran xuntos por primeira vez no libro titulado Conto para contar mentres se come un ovo frito. Pola súa parte, o autor de A familia C reivindicou o álbum ilustrado como unha forma de expresión artístico-literaria propia, na que texto e ilustración van xuntos e un non se pode entender sen a outra.

O álbum conta a historia dunha familia que adora o circo "e iso dálle cor á súa vida", explica o autor, Pep Bruno. As ilustracións, realizadas con técnica mixta por Mariona Cabassa, destacan polo seu colorido e forza expresiva. En conxunto, é un álbum que o xurado definiu como "imaxinativo, orixinal e moderno". O galardón, cunha dotación de 12.000 euros, implica a publicación do libro en galego, castelán, catalán, euskera e portugués.

Como xa se fixera na edición anterior, os gañadores deste II Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados impartiron previamente un obradoiro cos alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato Artístico do IES de Sar. Autor e ilustradora explicáronlles de que maneira se complementan as súas respectivas facetas no proceso creativo do libro, amosaron exemplos concretos baseados na produción de A familia C e ademais Mariona Cabassa fíxolles unha demostración da técnica mixta que empregou para ilustrar o texto, combinando collage, pinturas acrílicas e composición dixital.

Pep Bruno, autor afincado en Guadalaxara, é licenciado en Filoloxía Hispánica, en Teoría da Literatura Comparada, e diplomado en Traballo Social. É narrador oral e escritor; ademais, imparte cursos, obradoiros e realiza actividades vinculadas aos libros e á animación lectora. Foi membro do Seminario de Literatura Infantil e Xuvenil de Guadalaxara. Ten publicados varios álbums infantís e libros de contos para adultos. Gañou o IV Premio Internacional de Álbum Ilustrado Biblioteca Insular Cabildo de Gran Canaria.

A ilustradora Mariona Cabassa tamén ten experiencia na publicación de álbums para público infantil. Estudou na Escola Massana de Barcelona e completou a súa formación académica en Francia. Participou en diversas exposicións colectivas de gravado e ilustración, e imparte cursos de arte e deseño. Recibiu o Premio da Asociación Profesional de Ilustradores de Cataluña en 2003 e 2009. Ademais, foi seleccionada en 2005 para participar na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña.

519 traballos de 22 países
A este III Premio Internacional Compostela presentáronse 519 traballos. A cifra supera amplamente a participación da primeira e da segunda convocatorias, con 346 e 266 traballos, respectivamente. Ao galardón optaban máis dun milleiro de autores e ilustradores de 22 países. Por número de candidatos á presente edición, 252 orixinais procedían de España, seguida de Italia con 89, Arxentina con 26 e Portugal con 22. Outros dende os que tamén se enviaron proxectos foron México, Francia, Alemaña, Brasil, Rumanía, Hungría, República Checa, Estados Unidos, Ecuador, Xamaica, Colombia e Bolivia.

O xurado estaba formado pola concelleira de Educación, Mercedes Rosón; o tradutor e experto en literatura infantil e xuvenil Xabier Senín; os ilustradores Gusti e David Pintor; Manuela Rodríguez en representación de Kalandraka; o xefe do Departamento de Educación, José Manuel Rodríguez-Abella, e Beatriz Varela, como secretaria técnica.

A Familia C súmase a Cerca, da arxentina Natalia Colombo, e Un gran soño, do mexicano Felipe Ugalde, que gañaron a primeira e a segunda edición do Premio Internacional Compostela, respectivamente. Como as súas predecesoras, Kalandraka presentará esta obra nas principais feiras internacionais do libro.

Compartir: