ALCALDÍA

Fomento destinará 700.000 euros á rehabilitación da Casa do Cabildo

26/10/2010 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o ministro de Fomento, José Blanco, asinaron o convenio de colaboración para o financiamento das obras de rehabilitación da Casa do Cabildo. En virtude deste acordo, o Ministerio de Fomento e o Consorcio da Cidade de Santiago destinarán 924.038 euros a este proxecto, dos que Fomento aportará o 75% (693.028 euros).

Sánchez Bugallo destacou o "simbolismo" desta achega de Fomento, por canto vai servir para a "recuperación para o dominio público este edificio" e, unido ao futuro Museo da Cidade, conformar outra atractiva oferta para "composteláns, visitantes e amantes da cidade". Agradeceu o apoio do Ministerio e a xestión de José Blanco no tocante ás infraestruturas da cidade.

Pola súa parte e tras agradecer a hospitalidade do Concello, o ministro de Fomento valorou a importancia destra contribución para a "preservación e rehabilitación do patrimonio cultural de Galicia" neste Xacobeo. Blanco destacou que Fomento aprobou este ano 22 actuacións do 1% Cultural en Galicia. Entre elas referiuse aos 17 proxectos para la posta en valor do Camiño en Galicia, que supuxeron un investimento de 3,5 millóns de euros.

Casa do Cabildo
A intervención contempla a rehabilitación da fachada como unha restauración arqueolóxica, dadas as características monumentais deste emblemático edificio da praza de Praterías.

Ademais, realizaranse outra serie de intervencións de rehabilitación, como a reestruturación das conexións co edificio adxacente da rúa Raíña, a través dun ascensor que conectará todas as plantas dos dous inmobles, a restauración da escaleira e a creación dun acceso para as persoas con discapacidade. Tamén se rehabilitarán as dependencias interiores da Casa, equipándoas co fin de darlles un uso museístico.

Edificio histórico
Edificio civil de estilo barroco situado na praza de Praterías, a Casa do Cabildo foi construída en 1759 e é obra do arquitecto Clemente Serena. Pódese entender o edificio como unha fachada, xa que a profundidade do inmoble é inferior a catro metros.

A fachada configúrase coma unha cortina de pedra cunha importante decoración, organizada en tres corpos e sete rúas verticais. Todo o interese concéntrase na rúa central, con tratamento diferente: un friso e cornixa profusamente decorados e unha balaustrada corrida de pináculos e pezas de decoración.

A Casa do Cabildo divídese en dúas partes: o nº 5 de Praterías, dende o que se accede aos primeiros seis vanos da planta primeira, a toda a planta segunda e ao baixo cuberta; e o nº 6, dende o que dá acceso ao resto da planta primeira e á edificación adxacente na rúa Raíña nº 1, a cal está unida ao edificio barroco en dúas das súas tres plantas.

Actuación na Catedral
Durante a súa intervención, o ministro de Fomento anunciou tamén que proximamente se aprobará o proxecto de rehabilitación do Pórtico Real da Catedral de Santiago e o seu entorno. Esta actuación, solicitada polo Cabildo Metropolitano da Catedral, ten por obxecto frear o rápido deterioro arquitectónico e a progresiva perda que están sufrindo os elementos arquitectónicos e relevos escultóricos do seu corpo central.

O proxecto ten por obxecto a realización de intervencións para a reapertura da escaleira á terraza e a súa cubrición, o levantamento do enlousado da terraza e a súa nova impermeabilización, a restauración da balconada de ferro, a substitución de carpinterías de madeira na planta baixa e a execución e colocación de novas vidreiras na capela do Pilar. Estas actuacións supoñen un investimento de máis de 364.000 euros.

Compartir: