BENESTAR SOCIAL

Reunión da Rede Municipalista Solidaria

25/10/2010 A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, asistirá o martes 26 de outubro, ás 11:00 horas, á reunión da Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación que se celebrará na Casa das Asociacións de Benestar Social de Salgueiriños.

Esta xuntanza, xunto con outras que se celebrarán noutras seis vilas galegas, servirán para render conta das iniciativas levadas a cabo, dos proxectos nos países do Sur e mais das actividades de sensibilización que as Deputacións e os Concellos asociados poderán desenvolver nos vindeiros meses.

Entre os proxectos internacionais dos que se informará, destaca a intervención de post-emerxencia no Haití, onde o Fondo Galego de Cooperación vai promover unha iniciativa formativa para a construción de casas resistentes aos terremotos e aos ciclóns. Pero o papel das técnicas e técnicos municipais e provinciais destaca sobre todo na implementación de actividades de sensibilización en materia de cooperación para o desenvolvemento propostas polo Fondo. Entre elas áchanse ciclos de cinema solidario, charlas dos participantes nas Vacacións con traballo en países do Sur, o espectáculo Contos coas mans abertas ou a próxima xira do programa de teatro social TeatrAcción.

O Fondo Galego oferta tamén as exposicións A Paz, cuestión de fondo, Os obxectivos do Milenio 2000-2015 e Nicaragua, unha realidade viva. En próximas datas estará lista ademais a mostra Influír no global desde o local: as entidades locais galegas perante un mundo inxusto, que porá de relevo o papel dos Concellos e as Deputacións na cooperación internacional. Nas Redes Municipalistas Solidarias valoraranse asemade as liñas de acción do novo Plan de Sensibilización deseñado para 2011.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que actualmente engloba a 96 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Foi fundado en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galegos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste modo de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Dende a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución. Na actualidade mantén aberta unha conta de emerxencia para a reconstrución do Haití.

Compartir: