BENESTAR SOCIAL

Novos e maiores, unidos nunha nova iniciativa de intercambio interxeracional

25/10/2010 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, deu a benvida a Santiago á Asociación Xuvenil "Aprende a escoitar", que vai a por en marcha en residencias da terceira idade a iniciativa "Divertindo os maiores". Grazas á mesma, realizaranse actividades lúdicas e formativas, adaptándoas ás necesidades de cada persoa ou grupo e fomentando o intercambio interxeracional.

Mar Martín destacou as bondades dunha iniciativa como a de "Aprende a Escoitar", nada en Ferrol hai catro anos, e que agora pretende dar o salto a nivel autonómico implantando a súa delegación en Santiago de Compostela. Segundo recalcou, vai moi na liña do traballo de apoio aos maiores e de fomento do intercambio xeracional que se vén realizando dende a Concellería de Benestar Social.

Destacou a concelleira a importancia de "non só divertir os maiores, senón tamén de aprender deles e de adquirir os seus valores e coñecementos". Así o referendou tamén o presidente da Asociación, Aitor Bouza, quen incidiu en que, ademais de que os maiores "nos transmitan as súas experiencias, nós queremos tamén achegalos a eles á sociedade actual".

En Santiago, a Asociación leva dous meses traballando, froito do compromiso de dez persoas para por en marcha as actividades, que se desenvolverán os venres a partir de novembro. Comezarán acudindo á residencia de maiores de Volta do Castro, co obxectivo de ir estendendo a iniciativa ao resto de residencias da cidade.

As actividades serán lúdicas, sociais, culturais, formativas, artísticas e mesmo de introdución ás novas tecnoloxías. Van dende os xogos de mesa e os bailes de salón ata exercicios para mellorar as súas relacións ou para exercitar as calidades mentais. A oferta tamén inclúe obradoiros diversos, charlas, pequenas representacións teatrais, traballo de expresión corporal, etc. Todo dependerá, tal como recalcou Aitor Bouza, das necesidades de cada maior ou colectivo de maiores.

Documentos relacionados



Compartir: