TRANSPORTES

O concelleiro de Transportes reclama á Xunta que retome a iniciativa para recuperar os voos internacionais de Ryanair

21/10/2010 O concelleiro de Mobilidade e Transportes, Carlos Nieves, compareceu en rolda de prensa para analizar o anuncio de Ryanair de retirar os voos que dende Lavacolla operaba cara Roma, Frankfurt e Londres. Cualificou esta noticia "un importante prexuízo para Santiago e unha discriminación máis da Xunta con Santiago de Compostela".

Nieves indicou que, segundo anunciou Ryanair, esta decisión obedece á negativa da Xunta a seguir subvencionando estas rutas, tal como viña acontecendo nos últimos anos. Recordou que a desaparición destas conexións pode supor a perda duns 150.000 viaxeiros.

"Compostela, como cabeceira aeroportuaria de Galicia, non pode quedar relegada. Non pode ser que, cando se pretende loitar comercialmente cun aeroporto como o de Porto, se supriman rutas", apuntou o edil. Fronte a esta continxencia, reclamou á Xunta de Galicia que "mude a súa actitude, retome a iniciativa e volva a subvencionar estes voos tan importantes para Santiago e para Galicia".

Compartir: