XUNTA DE GOBERNO

Incentivos para a creación de negocios de proximidade no Casco Histórico

19/10/2010 A Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras e a convocatoria das axudas á promoción de actividades empresariais na cidade histórica para a súa publicación no BOP. Así, ás axudas para a rehabilitación de locais comerciais propiamente ditas, engádese outra municipal para negocios dirixidos aos veciños que se instalen na améndoa histórica.

Segundo explicou a concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, Olga Pedreira, á axuda para a rehabilitación de locais achegada polo Consorcio de Santiago con carácter xeral, engádese unha específica, cunha partida municipal, destinada "ao comercio de proximidade e a actividades innovadoras das que se poida beneficiar o entramado residencial da zona histórica". O Concello destina un total de 65.000 euros a este concepto.

Á axuda á rehabilitación habitual, que pode ser dun máximo de 6.000 euros, o Consorcio sumará outra dun máximo de 12.000 euros para a rehabilitación destes locais de proximidade, pois o ente interadministrativo tamén considerou interesante primar a instalación deste tipo de actividade, explicou a edil. A maiores, o Concello concederá un máximo de 6.000 euros para gastos correntes no primeiro ano de funcionamento.

A estas axudas poderán optar aqueles negocios ou actividades que se atopen recollidas no catálogo creado ao efecto, no que se valoran aspectos como a proximidade, a innovación ou a creación de emprego entre colectivos de difícil inserción laboral. Trátase, en suma, de "integrar rehabilitación e creación de actividade", indicou Pedreira, destacando a "transversabilidade" da medida. Tamén recordou a voceira da Xunta de Goberno, Socorro García Conde, que estas axudas son "complementarias" das que outorga Promoción Económica a determinadas actividades.

Novo proxecto para Fontiñas
Na mesma sesión da Xunta de Goberno tamén se acordou substituír o proxecto de espazo multifuncional para usos socioculturais e deportivos por un de substitución de especies arbóreas e restauración das beirarrúas afectadas polo arborado no barrio das Fontiñas. O importe é o mesmo que o da iniciativa substituída e o prazo de execución de tres meses.

A voceira da Xunta de Goberno indicou que se remitirá o novo proxecto ao Ministerio de Política Territorial, confiando na súa aceptación á vista dos precedentes de substitución de proxectos noutras cidades no marco do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local. Loxicamente –engadiu- haberá que solicitar a correspondente prórroga. En calquera caso, manifestou a intención de non abandonar a iniciativa do espazo multifuncional, por considerala "moi útil" para os días de choiva e puxo como exemplo as actividades a realizar en parques que se teñen que suspender ou cambiar de día por este motivo. Ademais, afirmou o interese amosado por diversas persoas e colectivos por contar cunha instalación deste tipo.

Tamén en materia de medio ambiente, adxudicouse provisionalmente o contrato para o deseño, desenvolvemento, subministración e instalación dos recursos interpretativos e expositivos para a musealización do centro de interpretación do medio urbano e natural de Santiago de Compostela, por un importe de 199.999 euros. Noutro dos acordos procedeuse á renovación e novas concesións de uso das hortas urbanas de Belvís. Tamén se aprobaron as listas de agarda.

Parcela no Polígono do Tambre
O Goberno local determinou igualmente a venda da parcela D do Polígono Industrial do Tambre de acordo coa solicitude de compra presentada pola Confederación de Empresarios de Galicia e a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre. Nesta parcela está prevista a implantación dunha área de servizo que albergue tanto as instalacións da propia Confederación coma un equipamento de servizos do polígono: gardería, instalacións deportivas, área de hostalería e de restauración, etc. O importe da venda é de 527.257 euros.

Proxecto modificado
No ámbito das infraestruturas, autorizouse a redacción do proxecto modificado número 1 das obras de reurbanización do acceso á cidade que comprende Romero Donallo, Santa Marta, Choupana e Volta do Castro, por importe de 575.472 euros.

Iluminación de Nadal
A proposta do concelleiro de Festas, aprobouse o prego de cláusulas administrativas e iniciouse o expediente para a contratación do arrendamento de equipos de iluminación pública e instalación nas rúas e prazas do Casco Histórico e do Ensanche de Santiago de Compostela durante as festas de Nadal 2010. O tipo de licitación é de 82.571 euros.

Convenios culturais
Finalmente, deuse conta da sinatura de convenios coas seguintes entidades culturais: Ateneo de Santiago de Compostela, Asociación Cultural Barriga Verde, Conservatorio de Música Tradicional e Folque, Asociación Cultural Cidade Vella, Federación de Libreiros de Galicia, Fundación Rosalía de Castro, Museo do Pobo Galego, Grupo Chévere – Sala Nasa, Asociación Novo Circo e Cabaret Galego, Asociación Cultural Musical Solfa e Asociación Traxe Galego.

Documentos relacionados



Compartir: