MEDIO AMBIENTE E TURISMO

Santiago é unha das cidades protagonistas do libro "Patrimonio natural, ciudades patrimonio de la humanidad"

14/10/2010 A Comisión do Medio Ambiente do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España aprobou xa a proposta de maqueta do libro-dvd Patrimonio Natural, Ciudades patrimonio de la humanidad, presentada pola editorial compostelá Alvarellos Editora. No capítulo individual que se corresponde con Santiago de Compostela, os textos son da autoría de Marilar Aleixandre e as fotografías de Fuco Reyes.

Segundo manifestou Elvira Cienfuegos, concelleira de Medio Ambiente, "non se poden entender as cidades patrimonio sen a natureza que lles serviu para conformárense. Hoxe parte desa natureza é tamén cultura, patrimonio a protexer, a conservar, a coñecer, a gozar". Coa entrada no prelo deste libro-dvd, o Grupo Cidades Patrimonio dótase dunha ferramenta para que o lector que abra as súas páxinas poda descubrir e achegarse a outra gran riqueza: a paisaxe oculta.

Cunha cita de Rosalía de Castro a escritora Marilar Aleixandre propón un percorrido que comeza nos sabugueiros dos parques composteláns para introducirnos nos carballos de Rosalía no Sar e no Sarela, o balbordo dos paxaros e o silencio dos morcegos e o que nos contan as pedras. Marilar Aleixandre remata o capítulo suxerindo un calendario de árbores e algún arbusto para disfrutar cada mes. Interactuando co texto, 18 fotografías de Fuco Reyes reflicten detalles ou vistas xerais dos parques e espazos públicos de Bonaval, Galeras, Campus Sur, a Alameda, Vista Alegre, Belvís, Ponte Mantible, a Carballeira de San Lourenzo e Monte Pedroso.

Elvira Cienfuegos quixo indicar que "as palabras de Marilar, tomando como fío condutor os sabugueiros, e as imaxes de Fuco Reyes sorprenderán aos composteláns e gustarán aos visitantes pola súa visión alternativa, por proporcionar un novo xeito de entender Compostela.

Patrimonio natural, cidades patrimonio da humanidade
O libro que agora entra no prelo estará nas librarías no vindeiro mes de decembro. Trátase dunha publicación que ofrece outra forma de achegarse cada unha das trece cidades Patrimonio da Humanidade de España. Unha mirada nova que conxuga creatividade e divulgación nun percorrido literario e tamén botánico con vocación estética á beira dun afán por difundir os enormes –e, en boa parte, descoñecidos ou pouco valorizados– atractivos naturais destas trece cidades únicas: Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Tarragona, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de La Laguna, Santiago de Compostela e Toledo.

Coordinado por Alvarellos Editora, na súa elaboración participaron vinte e seis escritores e fotógrafos de recoñecido prestixio, bos coñecedores das urbes que narran. Segundo Henrique Alvarellos, "entre os primeiros: poetas, científicos, novelistas, xornalistas, aventureiros... Dos fotógrafos: artistas e reporteiros que enfocaron estoutra visión desde novas perspectivas. Uns e outros subiron aos montes próximos, ou captaron a urbe e os súas meandros desde o aire, algún transitou polos fondos submarinos conxelando a súa explosión de beleza, ou se detivo na folla, no tronco, no xunco, na ave... Con todos eles paseamos parques, xardíns, hortos, patios, ríos ou litoral, zonas verdes dos arredores, bosques, flora e fauna".

Xunto ao formato tradicional en papel con case de 200 fotografías, esta obra incorpora unha versión en DVD que permite redescubrir os contidos dun xeito interactivo.

Periodistas mexicanos percorren parte do Grupo Cidades Patrimonio
Un grupo de periodistas do sector turístico de México percorreu durante10 días Córdoba, Mérida, Cáceres, Salamanca e Santiago para coñecer toda a oferta histórico-artística, cultural e gastronómica destas catro cidades que forman parte do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade. O resultado deste traballo chegará a 200.000 lectores mexicanos, aos que se lles ofrecerá una ampla visión da riqueza do noso patrimonio.

Esta viaxe, na que participaron medios do sector turístico como National Geographic Traveler ou a revista De Viaje, entre outros, foi organizada polo Grupo Cidades Patrimonio en forma conxunta coa Oficina Española de Turismo de México, no marco do Plan Anual de Actuación firmado con Turespaña.

O último informe de Conxuntura Turística de México correspondente ao verán do 2010, elaborado polo Instituto de Turismo de España, apunta que a situación do mercado de viaxes cara Europa, e particularmente a España (que absorbe máis dun terzo do total das viaxes a Europa), mellorou de maneira notable en 2010. Segundo Mexicana, a principal aerolínea de México, no primeiro trimestre do 2010, as reservas a Europa subiron ata un 30%. As razóns que explican esta recuperación son fundamentalmente unha mellor percepción da evolución da economía mexicana, a importante revalorización do peso con respecto ao euro e o desexo de viaxar a España, país sempre presente na historia, a lingua e a cultura mexicana.

Unha parte importante do turismo mexicano cara España está constituído polas viaxes individuais, fundamentalmente o chamado turismo étnico (descendentes de emigrantes españois, algúns con importantes recursos económicos) e o turismo de negocios, dada a forte implantación en México dun gran número de empresas españolas. Para algúns operadores, o tráfico de viaxes individuais equivale ao 90% da súa facturación e supón o 70% do total dos desprazamentos aéreos.

Compartir: