SANIDADE

O Refuxio de Bando rexistrou 1.002 entradas e 857 saídas nos primeiros nove meses do ano

14/10/2010 De xaneiro a setembro, o Refuxio de Animais de Bando rexistrou 1.002 ingresos e 857 saídas de animais. Sumado o balance de entradas e saídas de 2010 (145), cos animais rexistrados en 2009, o centro ten rexistrados a día de hoxe (sen contabilizar os datos de outubro) 706 animais, dos que 553 son residentes, 116 están en acollida temporal ou definitiva e outros 37 están en trámites de adopción fora do centro. O Refuxio de Animais está xestionado pola Fundación do mesmo nome da que, ademais de Santiago, forman parte os municipios de Teo, Ames, Boqueixón, Brión e Vedra.

En canto aos ingresos nestes primeiros tres trimestres de 2010, destacan polo seu número os producidos nos meses de verán: 161 en xullo, 145 en agosto e 113 en setembro. En total, neste trimestre de verán producíronse 419 ingresos.

Dos ingresos rexistrados, 678 foron cans (357 machos e 321 femias) e 304 gatos (153 machos e 151 femias). O maior número de saídas produciuse, respectivamente, nos meses de xuño (128), agosto (117) e abril (113). No último mes de setembro producíronse 98 saídas.

De xeito anecdótico, tamén chegaron ao Refuxio pombas, unha curuxa e ata un pavo real. A maioría dos animais foron levados ao centro por cidadáns (256) ou polo laceiro (358). No pasado mes de setembro, o Servizo de Lacería -contratado polo Concello de Santiago- trasladou 24 cans, 12 gatos e unha pomba.Tamén é significativo o número de animais ingresados polos donos dos mesmos e os traídos polo persoal dos outros concellos integrantes da Fundación.

Das 857 saídas producidas no que vai de 2010, 323 foron adoptados e 145 recollidos polos propios donos dos animais. Do total de exemplares adoptados ou en acollida (391), 252 eran cans (107 machos e 145 femias) e 139 gatos (66 machos e 73 femias). O mes de setembro foi precisamente o de máis cans adoptados ou en acollida no que vai de ano, 43.

De todos estes datos extráese que, na actualidade, o Refuxio de Animais ten 553 residentes. Ouros 116 animais están en acollida e dáselles saída progresivamente cando se formaliza a adopción. Finalmente, 37 son animais non residentes cuxa vacinación e revisións hixiénico sanitarias son atendidas polo centro. Os voluntarios que os acollen son os encargados de xestionar cun terceiro a adopción definitiva.

Compartir: