CULTURA

Talía Teatro estrea "Volpone" no Principal

14/10/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou a nova estrea de Talía Teatro, que presentará ao público no Teatro Principal un clásico, Volpone.

Trátase dunha comedia estreada en 1605, obra do autor inglés Ben Jonson (1572-1637), coetáneo de William Shakespeare e máis coñecido naquela época que o xenio de Stratford. En opinión de García Conde, estamos diante dun clásico "moi de actualidade", que representa "a debilidade humana e as ansias de acumular poder e diñeiro". O texto -adaptado por Roberto Salgueiro- fala da miseria humana e do profunda que pode chegar a ser a estupidez do home cando deixa que a avaricia sexa o eixo da súa vida.

Salgueiro quixo salientar a aposta de Talía en tempos de crise por un espectáculo cunha custosa produción, con nove actores e na que ten moita importancia a escenografía e o vestiario. Ao mesmo tempo, o xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, agradeceulle a Talía a súa contribución á "creación dun teatro nacional" e subliñou o papel da Concellaría como apoio do sector escénico: "Volpone é a segunda estrea de teatro galego neste trimestre, despois de Teatro Nu en setembro".

O espectáculo estará no Teatro Principal o venres 15 de outubro e o sábado 16 ás 21:00 horas. E tamén a semana seguinte, os/as interesados/as poderán ver outro pase dentro da programación da Feira das Artes Escénicas, ás 23:15 horas do mércores 20 no Salón Teatro.

Tanto os representantes da Concellaría de Cultura como de Talía Teatro, quixeron amosar as súas condolencias pola repentina morte de Suso Díaz, de Sarabela Teatro. Ademais dos citados, participou na rolda un dos protagonistas, Artur Trillo.

Compartir: