CONSORCIO

O Consorcio de Santiago repasa no seu último libro o Santiago dos anos 40 e 50

13/10/2010 O Consorcio de Santiago e Sotelo Blanco coeditan un libro no que se recollen os recordos e vivencias que de Santiago ten Xulio Fernández Pintos. Vida e andainas é un libro construído a base de diferentes relatos que, colocados a modo de teselas, conforman o mosaico do Santiago dos anos 40 e 50.

Vida e andainas son 22 relatos nos que se descubre o Santiago de hai 60 anos a partir dos seus habitantes, das súas rúas e da vida cotiá. O entroido, os xogos dos rapaces, o Instituto Masculino da praza de Mazarelos, a feira en Santa Susana, os partidos de fútbol, os paseos na Alameda, a Igrexa, a voda nunha aldea, os veráns... son algunhas das historias protagonistas desta nova edición, pertencente á Biblioteca de Divulgación Xacobea do Consorcio de Santiago.

Tal e como adianta Bieito Iglesias no limiar do libro, "Xulio Fernández Pintos baliza algúns contos con marcas temporais, pero a sociedade compostelá dos corenta e cincuenta do pasado século está en todo o libro, unhas veces disolta na descrición de ambientes e outras en sucedidos tomados do natural ou en personaxes que foron presenzas reais na vida do autor".

No libro hai espazo para os recordos da Guerra Civil (os fusilamentos de Conxo ou Sar), a tuberculose, Machín cantando no Café Español, o Atlétic Compostelano e o Rácing de San Lourenzo, o Aeroclub e moitos espazos máis que foron o xerme do que hoxe é Santiago de Compostela.

Fernández Pintos (Santiago de Compostela, 1928) exerceu durante toda a súa vida a profesión de médico, especialista en medicina interna e aparato dixestivo. Tamén é autor doutros libros, como Máis alá do alén (1999), O miñato (2009) e A lenda do embruxado e outras historias (2002).

Compartir: