CULTURA

Rudolf Barshai dirixe obras de Borodin e Brahms coa Real Filharmonía de Galicia

10/01/2006 A Real Filharmonía de Galicia, auspiciada polo Consorcio de Santiago, e dirixida polo mestre Rudolf Barshai, interpretará as obras de Borodin Cuarteto nº 2 para orquestra de cordas (con arranxos do propio Barshai) e de Brahms a Sinfonía nº 2 en Re maior, op. 73.

Rudolf Barshai é un dos directores de orquestra máis representativos do momento. A súa ampla experiencia na dirección levouno a alcanzar un son particular e intensamente emocional.

Rudolf Barsahi colaborou, como director invitado, coas orquestras máis importantes de Europa. De 1982 a 1988 foi director titular da Bournemouth Symphony Orchestra e, entre 1985 e 1988, director musical da Vancouver Symphony Orchestra. Así mesmo, foi principal director invitado da Orchestre National de Francia.

Nado en Rusia, Rudolf Barshai comezou os seus estudos musicais nunha coral infantil. Máis tarde, realizou estudos de violín. En 1940 entrou no Conservatorio de Moscova, estudando con Lev Zeitlin. Foi membro fundador dos cuartetos Borodin e Chaicovsqui.

Xa na súa época de estudante, destacou pola súa técnica violinística, gañando ademais fama como intérprete de viola. Colaborou con diversos grupos de cámara, xunto a Xostacovich, Richter, Oistrakh, Rostropovich, Gilels e outros famosos músicos rusos. Estudou composición ao mesmo tempo que Dimitri Xostacovich e completou os seus estudos de dirección de orquestra con Ilya Mussin, en Leningrado.
Abandonou Rusia en 1977 e, desde entón, dirixiu orquestras sinfónicas de todo o mundo. En Gran Bretaña, por exemplo, dirixiu a Philarmonia, London Symphony, Royal Philarmonic, BBC Symphony e Halle Orchestra, e entre os seus compromisos como director invitado nos EUA e Canadá destacamos as Orquestras Sinfónicas de Pittsburgh, Cincinnati, Houston e Toronto.

Recentemente realizou a orquestración das catro Sinfonías para orquestra de corda de Xostacovich. Tamén hai que destacar a espectacular superproducción do Requiem de Verdi que Barshai dirixiu, fronte a 20.000 espectadores, no Waldbühne de Berlin.

Compartir: