TURISMO

O "Camiño sen Fronteiras" percorrerá 53 países entre os Anos Santos 2010 e 2021

13/10/2010 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, despediu a Peré Augstí e Xosé Luís Mesa na praza do Obradoiro, onde comezaron a súa aventura que os levará nos próximos 11 anos a percorrer o mundo promovendo os valores do Camiño de Santiago, para acabar regresando a Santiago de Compostela no vindeiro Ano Santo.

O obxectivo destes dous namorados do Camiño de Santiago é percorrer 53 países, distribuídos en tres grandes etapas: a primeira será a panamericana, a segunda a asiática e a terceira a ruta de Carlomagno, na que percorrerán Europa enlazando os diferentes Camiños que cruzan o continente dende a idade media, para acabar chegando a Santiago no 2021.

O Camiño sen Fronteiras ten como obxectivos fomentar o turismo do coñecemento e a integración social, amosando que non hai limites de idade nin de aptitude física para desenvolver grandes retos. Así, en cada país de América irán acompañados dunha parella de persoas discapacitadas, con bicicletas adaptadas. Estas persoas serán os seus guías.

Na primeira gran etapa, a panamericana, cruzarán América de Sur a Norte pola costa do Pacífico. Segundo os seus cálculos, teñen previsto percorrer 31.733 quilómetros, para o que precisarán 614 días. Os países que cruzarán serán: Arxentina, Chile, Perú, Ecuador, Colombia, Panamá, Costa Rica, Nicaragua, Honduras, El Salvador, Guatemala, México, USA e Canadá.

Un dos obxectivos do proxecto é difundir globalmente os valores do Camiño de Santiago (integración, solidariedade, entendemento entre persoas e culturas), polo que os promotores mesmo empregarán múltiples ferramentas de comunicación para transmitir as súas experiencias: programas documentais, longametraxes, web interactiva ou presenza nas redes sociais máis populares do mundo.

Compartir: