XUNTA DE GOBERNO

As taxas para 2011 permanecerán invariables, agás as de obrigada actualización por contrato

13/10/2010 A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de modificación das ordenanzas fiscais correspondentes ás taxas de saneamento, auga, ORA e grúa. As actualizacións correspóndense co fixado nos propios contratos coas empresas adxudicatarias dos servizos e respondendo á suba do IPC. O resto de ingresos públicos non sufrirán ningunha variación en 2011.

No caso das taxas de saneamento e depuración de augas residuais (ordenanza 3,14) e de subministración de auga e conservación de contadores (ordenanza 3,15), o incremento sitúase no 1,28626%. Segundo explicou a concelleira de Facenda, Rosa Fernández, malia que o incremento do IPC foi do 1,8%, a suba é menor debido a coeficientes redutores previstos nos propios contratos.

As taxas de estacionamento de vehículos de tracción mecánica nas vías públicas (ordenanza 3.17) e de retirada e recollida de vehículos de tracción mecánica nas vías públicas municipais (ordenanza 3.18) increméntanse segundo o IPC (1,8%). Na primeira destas taxas, debido a que as máquinas non permiten os fraccionamentos exactos derivados desta suba, a mesma axustarase no número de minutos de aparcamento.

Tamén en relación á ordenanza 3.17, aprobouse un cambio no sentido de trasladar a emisión de tarxetas de estacionamento á ordenanza 3.07, de expedición de documentos administrativos. A esta emisión de tarxetas tamén se aplica o 1,8% do IPC. O resto de ordenanzas de ingresos públicos non sufre ningunha variación.

Tras a reunión da Comisión de Facenda, estas ordenanzas fiscais serán levadas ao Pleno de outubro para a súa aprobación inicial. Tras o período de exposición pública regresarán ao Pleno para o seu visto bo definitivo e a súa entrada en vigor en 2011.

Préstamo
Tamén no ámbito fiscal, adxudicouse o contrato de préstamo por importe de 4.135.000 euros á entidade BBVA de acordo coa oferta económica presentada: préstamo a 12 anos, con 2 de carencia; con tipo de xuro euribor trimestral máis 149 puntos básicos e tipo de liquidación trimestral (intereses a día de hoxe - 2,77%). Presentáronse seis ofertas a este concurso, o que, segundo Rosa Fernández, "indica solvencia deste Concello".

Urbanismo
Por outra parte e a proposta da concelleira de Urbanismo, aprobouse inicialmente un estudo de detalle para a construción dun centro de saúde na parcela R-10 do SUP-4 de Conxo. Este documento ten como obxectivo ordenar as rasantes e os volumes edificables deste edificio previsto, que terá unha altura de dúas plantas respecto á avenida de Ferrol e de tres respecto da rúa Sánchez Freire (coa que terá contacto indirecto a través da rúa Uxío Novoneyra. A edificabilidade resultante do estudo é de 3.970,86 metros cadrados.

Mobilidade
En materia de Mobilidade, adxudicouse provisionalmente a elaboración a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, por 93.220 euros. Os obxectivos deste céntranse en definir un novo servizo de transporte público urbano e metropolitano; desenvolver novas políticas de tráfico compatibles co apoio ao transporte público, establecer pautas de actuación en materia de estacionamento; integrar nas políticas de mobilidade as actuacións urbanísticas e potenciar os modos non motorizados (bicicleta) e a mobilidade peonil.

O Plan concretarase en tres fases: unha de obtención de información, outra de análise e diagnóstico e unha final de redacción. De aquí sairán os diferentes programas de actuación.

Infraestruturas
A Xunta de Goberno aprobou tamén dous proxectos modificados en obras de abastecemento. Así, no de ampliación da rede na Susana e Marrocos, o importe final de adxudicación, á empresa encargada da obra principal, queda en 366.033 euros, o que supón un incremento total adicional de 66.062 euros. O engadido ten por solucionar o problema sobrevido da aparición dun gran número de canalizacións particulares pertencentes a mananciais privados dos veciños. A consecuencia disto debeuse modificar o trazado da rede de saneamento.

En Lavacolla, o importe final queda en 365.974 euros, isto é, 65.945 máis do adxudicado inicialmente. Neste caso, a modificación obedece a causas semellantes ás detectadas na Susana e Marrocos.

Educación
Entre as adxudicacións que se elevaron a definitivas nesta sesión destaca a das obras de construción da Escola Infantil de Salgueiriños, por importe de 724.784 euros. Esta actuación está incluída no proxecto Urbana Santiago Norte.

Documentos relacionados



Compartir: