EMPREGO

A segunda xornada da Feira do Emprego centrouse nas entrevistas de traballo, no autoemprego e na busca por internet

08/10/2010 Finalizou a segunda xornada da I Feira do Emprego de Santiago de Compostela, organizada pola concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Impartíronse dúas conferencias, dous obradoiros, un seminario, e a presentación dun estudo, ás que asistiron 660 oíntes. Centráronse en tres temas: como afrontar con éxito unha entrevista de traballo, como buscar traballo a través de internet e o autoemprego.

O estudo, que desenvolve a Asociación Área Empresarial do Tambre no marco do Pacto Local polo Emprego, está en proceso de elaboración, e está previsto que remate en novembro. Realízase mediante un cuestionario que se enviou vía postal e/ou mediante correo electrónico ás 410 empresas asociadas á AAET, dos polígonos industriais do Tambre, Boisaca e Costa Vella.

É un estudo sobre a evolución laboral nestas empresas no período comprendido entre o 31 de decembro de 2009 e o 30 de xuño de 2010. Permitirá determinar os cambios experimentados nestes seis meses, e incluso nun futuro: os empregos con menos demanda, os perfís laborais que solicitan as empresas e cara onde evoluciona o mercado laboral no sector industrial compostelá. Os resultados permitirán establecer as necesidades formativas do noso tecido empresarial, ofertar esa formación, e recolocar aos traballadores/as noutros sectores con máis oferta. Os resultados deste estudo permitirán á Asociación Área Empresarial do Tambre ofrecer un Servizo de Formación e Colocación adaptado ás necesidades e demandas das súas empresas.

De xeito paralelo, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela presentaba os servizos de inserción laboral que ofrece a través do autoemprego. Servizos como o Viveiro de empresas, unha estrutura de acollida temporal pensada para ubicar a empresas que están dando os seus primeiros pasos no mercado, acompañalas e prestarlle apoio, tanto a nivel de servizos común, como asesoramento e formación. Ou como o Programa de Apoio Empresarial para Mulleres, destinado a emprendedoras e empresarias; e o PAIT, o Punto de Asesoramento e Inicio de Tramitacion, que pon a disposición das persoas emprendedoras unha ferramenta gratuíta a través da que poden realizar a tramitación de constitución de empresas. Tamén ofrece información e asesoramento personalizado a empresas e emprendedores sobre as liñas de apoio en materia de I+D+I (Investigación, Desenvolvemento e Innovación).

Despois desta presentación impartiuse a conferencia Autoemprego: atrévete, na que Marisol Vázquez Suárez, diplomada en relacións laborais e posgrao de especialización en práctica laboral e recursos humanos, e socia fundadora de Affines Asesores, explicou como o autoemprego pode ser, tamén, unha vía de acceso ao mercado laboral.

Obradoiro e conferencias
Ademais, na última xornada desenvolveuse o obradoiro Dá os teus primeiros pasos con fe: non é necesario que vexas toda a escaleira, só dá o primeiro paso, impartido por Nelly Rey de Rey e Teresa Hernández Armentia, especialistas en coaching e socias fundadoras de IDENTIA. Dirixido a persoas con especiais dificultades de inserción, permitiulles aprender novas técnicas de recuperación da motivación para acadar resultados positivos na busca de emprego. Nesta mesma liña, a conferencia O segredo do teu éxito es ti mesmo, impartida por Faustino Sánchez Guido, licenciado en económicas e actualmente técnico de formación e selección de CESS El Corte Inglés, transmitiu ás persoas que asistiron, ideas e estratexias que lles podían servir para acadar os obxectivos propostos. A continuación, tivo lugar o seminario A entrevista de traballo: construción dunha imaxe, impartido por María Eugenia Fernandes Montilla, directora de Arquetipos Consultores, no que os asistentes coñeceron como inflúe a percepción da realidade en nós mesmos, como a transmitimos e que técnicas podemos aplicar para mellorar ese impacto e dar unha imaxe coherente co obxectivo desexado, neste caso positividade á hora de buscar emprego e seguridade nas entrevistas de traballo.

O último seminario foi Emprego 2.0: fai que o traballo te atope en internet, no que Alfonso Alcántara, coach e consultor en emprego 2.0, falou sobre desenvolvemento profesional, redes sociais e produtividade, motivando ás persoas asistentes a buscar emprego e a ter en conta as redes sociais e a web 2.0 na planificación profesional.

Compartir: