REHABILITACIÓN

En marcha as primeiras obras da ARI do barrio de Vista Alegre

08/10/2010 A veciñanza do barrio de Vista Alegre puido hoxe transmitirlle directamente á concelleira de Rehabilitación, Olga Pedreira, os seus pareceres e opinións sobre como están a transcorrer as primeiras obras da ARI do polígono de Vista Alegre. A edil achegouse ata o número 6 da rúa Santa Uxía de Ribeira para coñecer de primeira man como están a transcorrer estes traballos. Neste portal están xa en marcha as obras para a instalación dun aparello elevador e de rehabilitación de toda a fachada.

Acompañada de técnicos da Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación, a concelleira conversou con membros da comunidade de propietarios e da asociación veciñal "Álvaro Cunqueiro", que lle transmitiron a súa satisfacción por como están avanzando todos os traballos. Actualmente xa se ten derrubado parte da terraza dese portal, así como parte da fachada, observándose xa o oco onde se instalará o novo aparello elevador.

Olga Pedreira indicou tamén, durante a visita, que "estas obras poderán valernos para comezar a intuír como será o novo aspecto do polígono unha vez que se complete a súa rehabilitación integral", engadindo que "estes traballos son un primeiro paso que xa vai ser inmediatamente acompañado do inicio das segundas obras de rehabilitación na rúa de Boiro, número 2, onde tamén se vai instalar outro aparello elevador, rehabilitar a fachada e mais as cubertas do edificio".

A concelleira quixo lembrar tamén que no BOP do martes pasado "publicáronse xa as bases da convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios e vivendas desta ARI de Vista Alegre, polas que se subvencionarán as obras que teñan por obxecto dotar aos inmobles de accesos adecuados para as persoas con discapacidade ou mobilidade reducida e, en xeral, todas aquelas encamiñadas a mellorar as condicións de habitabilidade das vivendas e de seguridade estrutural, accesibilidade e funcionalidade dos edificios". Indicou que "estas axudas poderán ser do 50% por vivenda, ou mesmo superiores en casos excepcionais".

A ARI de Vista Alegre
O 17 de abril de 2006, a Consellería de Vivenda e Solo acordou declarar o polígono de Vista Alegre como Área de Rehabilitación Integral (ARI) con base nunha solicitude do Concello de Santiago. As actuacións de rehabilitación incluídas na memoria-programa priorizan a accesibilidade (elevadores e escaleiras…), a envolvente (cuberta e fachadas) e os servizos básicos, sobre outro tipo de actuacións interiores.

Na ARI tamén se contempla a reurbanización das rúas, incluíndo unha mellora das rasantes e unha nova pavimentación, entre outras actuacións no espazo público que sempre estarán estreitamente vinculadas á accesibilidade. O polígono de Vista Alegre foi construído en tres fases: entre 1970 e 1971 construíronse 30 edificios con 480 vivendas; en 1978 outros 5 edificios e 80 vivendas; e xa en 1987 foron 12 edificios e 192 vivendas. Todas os pisos da primeira e segunda fase carecen de elevadores, isto é, 560 vivendas do total das 752 do polígono.

O desenvolvemento da ARI implica a dotación, mediante convenios coas administracións públicas, de 5.390.000 euros en dúas fases. Na primeira fase contémplanse 200 actuacións de rehabilitación nas que Consellería de Vivenda e Ministerio financian un 45% dos custes, achegando 1.800.000 €; nesta fase tamén se contempla unha reurbanización do espazo público a realizar con achegas de 180.000 € (25%) por parte do Ministerio, 270.000 € (30%) da Consellería de Vivenda, e 450.000 € (45%) do Concello de Santiago.

Na segunda fase serán 20 actuacións de rehabilitación igualmente financiadas nun 45% por Consellería de Vivenda e Ministerio con 180.000 €. A reurbanización nesta fase será financiada nas mesmas proporcións que a primeira fase, por parte do Ministerio, Consellería de Vivenda e Concello de Santiago, ascendendo o custe total das obras a 90.000 €.

Compartir: