URBANISMO

EMUVISSA presentou o Plan de Acción Local de Vivenda na reunión do programa SUITE

07/10/2010 O Plan desenvolve un proxecto piloto que proxecta a creación do primeiro edificio do parque público de vivenda protexida de alugueiro para grupos desfavorecidos.

Partindo da reflexión inicial da vivenda como dereito constitucional e como elemento básico de integración social, o Plan de Acción Local presentado por EMUVISSA ante os seus socios de proxecto propón articular un proxecto piloto baseado na cooperación das administracións e o sector privado para crear o primeiro edificio do parque público de vivenda protexida de alugueiro que terá como destinatarios grupos desfavorecidos, en risco de exclusión ou con recursos reducidos, e que implementará programas de integración social. O obxectivo é ofertar alugueiros que non superen o 20% ou 30% dos ingresos totais segundo o nivel de renda das familias.

No caso de materializarse, o proxecto constaría dunha primeira fase na que EMUVISSA elaboraría un estudio de viabilidade económica e a Concellería de Benestar Social desenvolvería un Programa de Acompañamento Socioeducativo. O resultado destas accións daríase a coñecer entre xaneiro e marzo de 2011.

Nunha segunda fase, entre 2012 e 2014, o Concello de Santiago, a través de EMUVISSA, executaría a edificación, e no ano 2015 o Departamento de Benestar Social ocuparíase do proceso de selección de inquilinos e poría en marcha o Plan de Acompañamento Socioeducativo, para favorecer a creación de redes veciñais de apoio mutuo e solidariedade, así como o traballo conxunto con mediadores das comunidades inmigrantes que colaborasen nos procesos de integración.

O Plan foi exposto no transcurso da primeira xornada do encontro que están mantendo en Santiago os membros da cidades que participan no proxecto europeo de vivenda social SUITE, enmarcado dentro do Programa Europeo URBACT II, e no que Santiago de Compostela actúa coma xefa de grupo. Na reunión, que estivo presidida pola concelleira de urbanismo, Mercedes Rosón, participaron as cidades socias do proxecto: as francesas de Nantes e Rennes, a alemá de Hamburgo, as británicas Medway e Newcastle, a polaca Cracovia, a capital de Estonia, Tallinn e a rumana Iasi. Tamén estiveron presentes as expertas Heidrun Feigelfeld e Darinka Czischke que acompañan e asesoran ao proxecto; e os membros do Grupo de Apoio Local de Santiago. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, uniuse á reunión e participou posteriormente nun encontro cos medios no que se explicou este Plan.

Compartir: