SEGURIDADE CIDADÁ

O Concello informa a comerciantes, hostaleiros e veciños das medidas de seguridade con motivo da visita do Papa

07/10/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Circulación Viaria e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, mantiveron unha reunión con representantes dos comerciantes, hostaleiros e veciños da cidade. Na mesma informóuselles das diversas medidas operativas e de seguridade que se tomarán na zona histórica con motivo da visita do Papa o 6 de novembro e que afectarán a cuestións como o estacionamento, a carga e descarga, os accesos ou as consignas.

En concreto, asistiron á reunión representantes da Asociación de Veciños Cidade Vella, da Asociación de Hostalería e Hospedaxe, da Asociación de Hostalería Nocturna, e das asociacións de comerciantes Acotés, Santiago Centro e Compostela Monumental.

O alcalde e a concelleira agradeceron aos asistentes a súa vontade cooperadora e o interese que están mostrando nun evento de tal magnitude para a cidade. Por isto, o alcalde invitou non só a comerciantes e empresarios, senón a toda a cidadanía, aos veciños e veciñas, a participar e involucrarse na visita para que esta se converta nun enorme éxito para todos.

En canto ao tratado na reunión, as principais medidas comunicadas co obxectivo básico de garantir a seguridade de todo o que se achegue a Santiago o día 6 de novembro, son as seguintes:

Estacionamento e carga e descarga

- Non se poderán estacionar vehículos nas rúas Carretas e Hortas dende o 28 de outubro ata o 8 de novembro por mor do dispositivo despregado pola TVG, que dá a sinal internacional do evento.

- Os residentes no Casco Histórico non poderán estacionar os seus vehículos desde as 22:00 horas do 5 de novembro ata as 22:00 horas do día 6.

- Non se poderán estacionar vehículos dende a rotonda de San Lázaro ata a praza do Obradoiro. En breve comunicarase a data e hora dende a que se aplicará esta restrición.

- Non se poderá realizar a carga e descarga no Casco Histórico o 6 de novembro.

Accesos

- Non se poderá realizar o acceso nin a saída de vehículos de residentes ao Casco Histórico dende as 7:00 ata as 22:00 horas do 6 de novembro.

- Non se autorizará ningún permiso de entrada dende as 22:00 horas do 5 de novembro ata as 22:00 horas do día 6.

- A praza do Obradoiro pecharase ás 0:00 horas do día 6 de novembro e abrirase ás 07:15 horas do día 6.

- O acceso do público á praza do Obradoiro realizarase por Fonseca.

Outras restricións

- O día 6, dende as 7:00 ás 22:00 horas, non se poderán ubicar mimos, postos de venta, medalleiras, nin artistas de rúa no Casco Histórico.

Pantallas e consignas

O Arcebispado instalará pantallas no interior da Catedral, San Martiño Pinario e Colexio A Salle, así como no paseo central da Alameda, praza do Toural, praza da Quintana e praza de Cervantes. Tamén instalará dúas consignas: no Instituto Rosalía de Castro e no Pavillón Lorenzo de La Torre.

Compartir: