ALCALDÍA

Once mil euros para tres programas da Cruz Vermella de Santiago

07/10/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente da Asemblea Local de Cruz Vermella, Rufino Constantino Pérez Outes, asinaron no Pazo de Raxoi un convenio de colaboración en virtude do cal a entidade municipal achega 11.000 euros á ONG.

Este convenio ten por obxecto estabelecer os termos da colaboración entre as partes asinantes para o desenvolvemento de tres programas e actividades: o Proxecto de lecer e tempo libre con persoas maiores, o Espazo de Procura Activa de Emprego (EBAE) e o Proxecto de Centro de Mediación Social.

Proxecto de lecer e tempo libre con maiores
O Proxecto de lecer e tempo libre con maiores pretende a ocupación do lecer destas persoas con actividades alternativas, diminuíndo o illamento e facilitando a integración no entorno. Para iso desenvólvense obradoiros, actividades lúdicas, acompañamento en actividades de ocio, festas, actividades ao aire libre...

O requisito para participar no programa é ter baixos ingresos e/ou estar en situación de soidade. Para elo trabállase en coordinación coas unidades de traballo social de atención primaria do Concello, dos centros de saúde e coas técnicas do servizo de axuda a domicilio do Concello.

Entre as actividades figuran dous talleres de memoria e obradoiros de manualidades, ximnasia, aeróbic, expresión corporal e alimentación. Estas actividades desenvolveranse unha vez por semana en horario de tarde ou mañá, dende xaneiro a decembro, descansándose en xullo e agosto.

A maiores o programa complementarase con cursos de informática, visitas culturais, excursións fóra da comarca, exposicións de manualidades das participantes nos talleres, charlas de ámbitos como saúde ou seguridade e actividades de ocio: magosto, festa fin de ano, carnavais e festa de verán.

Nas actividades deste ano inclúese o proxecto "Movéndonos polo aforro doméstico", que ten como obxectivo principal informar e sensibilizar da importancia do aforro dos recursos hídricos e enerxéticos nos fogares como factor de cambio cara a unha sociedade máis sostible. Na actualidade están apuntadas 70 persoas nesta iniciativa, co apoio de dez persoas voluntarias.

O proxecto de lecer e tempo libre para maiores está dirixido por unha traballadora social co apoio de 15 persoas voluntarias.

Espazo de Procura Activa de Emprego (EBAE)
O Espazo de Procura Activa de Emprego (EBAE) é un espazo de libre acceso, dotado de medios humanos e técnicos, onde as persoas poden acudir a procurar e seleccionar información sobre ofertas de emprego e cursos de formación. As persoas que acoden ao EBAE teñen á súa disposición ordenadores con conexión a internet, unha impresora para poder actualizar o seu currículo cando sexa preciso, dispoñibilidade de acceso telefónico para contactar cos potenciais empregadores/as, un taboleiro de anuncios actualizado diariamente coas ofertas existentes, prensa e revistas relacionadas co ámbito. É un servizo gratuíto para favorecer a autonomía persoal e poñer en práctica as habilidades adquiridas na busca de emprego, así como para achegarse ás novas tecnoloxías.

Este espazo está xestionado por persoal técnico: unha diplomada en relaciones laborais e unha psicopedagoga e voluntariado que asesora, acompaña, resolve as consultas e realiza talleres. Ábrese de luns a venres pola maña e martes e xoves pola tarde durante todos meses do ano. A maiores impartiranse obradoiros e charlas relacionadas co ámbito laboral.

Proxecto de Centro de Mediación Social
O terceiro dos proxectos, o Centro de Mediación Social, ten como obxectivo ofrecer unha alternativa diferente de actividades estables de ocio que axuden ao desenvolvemento integral do neno/a e á integración deste colectivo. Ao mesmo tempo, preténdese favorecer o desenvolvemento da infancia e a súa adaptación ao grupo, logrando a adquisición de hábitos, valores e condutas positivas de convivencia.

O centro de Mediación social desenvolve actividades durante todo o ano en dous espazos físicos diferenciados, un para actividades de estudo e lectura dos/as rapaces/as e outra para a realización de actividades cos máis pequenos e o traballo das habilidades sociais.

Entre as actividades que se desenvolverán ao longo do ano 2010 cómpre citar o apoio escolar (con merenda posterior); actividades lúdicas na aula (xogos, cancións, obradoiros...); actividades de lecer; entrevistas individuais coas familias dos nenos; reunións mensuais de barrio, reunións entrevistas cos orientadores e titores dos centros educativos aos que acoden os nenos; reunión mensual co equipo de monitores do proxecto e reunións diarias da avaliación das actividades.

Na actualidade participan nesta actividade 25 nenos/as entre 5 e 12 anos de idade pertencentes a 15 familias diferentes. O programa está dirixido por unha educadora social co apoio de cinco persoas voluntarias e a participación de alumnado en practicas de carreiras universitarias do ámbito das ciencias da educación.

Compartir: