FESTAS E TRÁFICO

Os Reis Magos chegarán en tren a Compostela

04/01/2006 O xoves cinco de xaneiro a partir das 18:00 horas os nenos e nenas de Compostela poderán disfrutar da tradicional Cabalgata de Reis. Con motivo desta celebración produciranse cambios na ordenación do tráfico. Este ano a Cabalgata será retransmitida en directo pola Televisión de Galicia.

Segundo o concelleiro de Festas, X. Baqueiro, as súas Maxestades os Reis Magos levan máis de 45 anos chegando en tren a Santiago. Nesta ocasión, tamén chegarán no tren real á Estación de Ferrocarril onde serán recibidos por rapaces e rapazas de Santiago e pola Banda de Música. A súa chegada anunciarase cunha salva de bombas.

A Cabalgata sairá desde a Estación de Ferrocarril e transcorrerá por Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roza, República do Salvador, Hórreo, Praza de Galicia, rúa da Senra, porta Faxeira, rúa do Vilar, praza das Praterías, Fonseca e praza de Obradoiro.

Percorrerá todas estas rúas encabezada pola Banda de Música de Santiago e outras agrupacións musicais, pola sección motorizada da Policía Municipal, seguida do séquito dos Reis Magos e das carrozas de Melchor, Gaspar e Baltasar así como por outras dúas de fantasía e unha de regalos. A comitiva pecharase co Carteiro Real. Segundo explicou o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, "máis de duascentos figurantes animarán o percorrido".

Os que decidan esperar ás súas Maxestades na praza Roxa poderán disfrutar a partir das 17.00 horas do espectáculo didáctico "Xogo Infantil de Susana".

Durante todo a percorrido repartiranse caramelos que, a petición da Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA), serán sen gluten para que podan ser tomados polos afectados desta enfermidade.

Un vez rematado o desfile os Reis trasladaranse á Casa do Concello onde atenderán as solicitudes dos nenos. A corporación municipal encabezada polo alcalde da cidade, X. Sánchez Bugallo, recibirá ás Maxestades que sairán ao balcón do Pazo de Raxoi para saudar aos presentes no Obradoiro, a quen Melchor, como ven sendo habitual, adicará unhas verbas.

Con motivo desta celebración o Departamento de Tráfico do Concello de Santiago informa que se adoptarán as seguintes medidas de reordenación do tráfico:

1.- A partir das 10:00 h. queda prohibido o estacionamento na explanada da Estación do ferrocarril, lugar de concentración da comitiva da Cabalgata de Reis.

2.- A partir das 15:00 h. queda prohibido o estacionamento nas seguintes rúas afectadas polo itinerario da Cabalgata: Santiago de Chile (tramo comprendido entre Rosa e Frei Rosendo Salvado), Frei Rosendo Salvado (tramo comprendido entre Santiago de Chile e Praza Roxa), República do Salvador e Hórreo (tramo que vai desde a República do Salvador ata a Praza de Galicia). Nas rúas citadas produciranse cortes temporais de tráfico de acordo co paso da Cabalgata.

3.- Recoméndase ós conductores que eviten circular pola avenida de Lugo durante o inicio da Cabalgata (que ten prevista a súa saída ás 17:30h. da Estación de Ferrocarril) polos cortes que se producirán á altura do Hórreo e na rotonda da Pontepedriña, empregando como alternativa para atravesar a cidade a autoestrada A-9.

Así mesmo, recoméndase aos conductores que na medida do posible eviten circular polo centro urbano ao longo da tarde do xoves.

4.- Desvíos:
Desde a Rúa Doutor Teixeiro, pola Praza de Pontecastro, a Rúa da Rosa, a Rúa Antonio Casares e Avda. de Lugo, ou ben polo Hórreo e Avda. de Lugo.

Desde a zona norte (Porta do Camiño), pola Rúa de San Pedro, Concheiros e Avda de Lugo, ou excepcionalmente, por Virxe da Cerca, Patio de Madres, Castrón Douro, Curros Enríquez, Bernardo Barreiro e Avda. de Lugo.

Desde Vista Alegre – Galeras, en dirección ás estradas de Noia (C-543) e Pontevedra (N-550), a través de Poza de Bar, San Lourenzo, Avenida de José Mª Suárez Núñez, Avenida López Gómez de Marzoa, Avenida Jenaro de la Fuente, Avenida Mestre Mateo e Vidán.

O Departamento de Tráfico prega ós cidadáns que respecten estas indicacións e desculpen as molestias que estes cortes lles poidan ocasionar. Así mesmo, a Policía Local e Protección Civil piden que se sigan as súas indicacións.

Compartir: