BENESTAR SOCIAL

O Concello achega 35.000 euros para o programa de atención primaria que desenvolve Cáritas de Santiago

30/09/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e Amelia Pereira Menaut, en representanción de Cáritas Diocesana de Santiago, asinaron esta mañá no Pazo de Raxoi un convenio de colaboración en virtude do cal a entidade municipal achega á ONG 35.00 euros para o desenvolvemento do programa de atención primaria.

Este "Programa de Atención Primaria" é un servizo no que se atenden todo tipo de necesidades e a persoas de todas as idades e colectivos. Debido á especial situación destas persoas, son o obxecto principal da atención de Cáritas, dende onde se lles presta información e se lles axuda a través do asesoramento dunha traballadora social a reconducir dita situación informándoas dentro das posibilidades da Institución.

Os colectivos máis sensibles son os marxinados sen fogar e transeúntes, familias con problemas, inmigrantes, emigrantes retornados, minorías étnicas, mozos e mozas, mulleres... cos que se realizan actuacións de seguimento de casos, tramitación de prestacións, visitas domiciliarias, valoración, orientación e asesoramento, derivación, busca de emprego... Nalgunhas ocasións estas atencións teñen que ir acompañadas de prestacións económicas que se reparten principalmente en alimentación, medicamentos, alugueiros ou pensións, recibos de luz, auga e gas, desprazamentos, etc.

O Concello de Santiago de Compostela vén desenvolvendo, consonte a Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, a súa competencia de obrigado exercicio respecto á prestación de servizos sociais de promoción e reinserción social.

É prestación básica dos servizos sociais, entre outras, a animación, prevención e cooperación social, que teñen por obxecto potenciar a participación de persoas e grupos na vida comunitaria, fomentando a iniciativa social, a solidariedade, o asociacionismo e o voluntariado, así como favorecer a toma de conciencia da cidadanía sobre os seus problemas e poñer en marcha mecanismos que fagan posible a participación destes na busca de solucións e na xestión dos servizos e actividades que se demanden.

Compartir: