XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba axudas á rehabilitación de vivendas por máis de 50.000 euros

28/09/2010 Trece vivendas da zona histórica de Santiago recibirán axudas públicas para a súa rehabilitación tras aprobar inicialmente a Xunta de Goberno este asunto da orde do día.

A este concepto destinarase un total de 53.398,57 euros, que irán destinados a rehabilitar dúas vivendas en Vista Alegre, unha na Acibechería, outra en San Francisco, tres na rúa das Rodas, unha na Corredoira das Fraguas, outra na praza da Algalia de Abaixo, unha no Pombal, na Costa do Veedor, na rúa dos Lagartos e na rúa do Franco. Estas axudas están incluídas na 11ª fase do convenio asinado entre a Consellería de Vivenda, o Ministerio de Vivenda e o Concello de Santiago.

No apartado das subvencións, dáse conta de dúas: unha concedida pola Xunta de Galicia para o cofinanciamento do programa de apertura de centros educativos públicos fóra do horario escolar nos Concellos de Galicia por importe de 32.801,44 euros, de 152.000 solicitados; e outra para o desenvolvemento do obradoiro de memoria denominado "Mente Activa", concedida pola Deputación Provincial da Coruña por importe de 5.000 euros.

Convenios
Nesta sesión deuse conta do convenio entre o Concello e dúas entidades (IES Pontepedriña e Fundación de Estudios e Análisis) polo que catro alumnos de Animación Sociocultural realizarán un total de 740 horas de prácticas cada un na Concellería de Educación e na rede de escolas infantís municipais.

No ámbito do Benestar Social, aprobouse a sinatura de dous convenios de colaboración coas entidades Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental e Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Aulas da Terceira Idade). O Concello achegará 2.200 euros a cada unha delas.

Entre outros asuntos, deuse luz verde ao prego de cláusulas administrativas así como o inicio do expediente para a contratación do servizo de mediación de seguros privados para o Concello por procedemento negociado sen publicidade. O presente contrato non xenera ningún gasto para o Concello toda vez que o adxudicatario será retribuído pola entidade ou entidades aseguradoras coas que se concerten os contratos de seguros privados, de acordo coa normativa vixente e ao amparo dos usos de comercio habituais no sector.

Compartir: