CULTURA

Os centros socioculturais contan con nova programación

27/09/2010 Hai dúas novidades na oferta: Experimenta, para nenos e nenas os sábados á mañá; e Decátate, onde os participantes poderán catar distintos produtos alimentarios galegos con denominación xeográfica.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o responsable da rede de centros socioculturais, Enrique Vázquez, presentaron un amplísimo programa de actividades nestes centros para a temporada 2010-2011, que responde a un novo xeito de distribución xeográfica e de programación en rede para que todos os cidadáns poidan ter acceso á maioría de actividades posibles.

Segundo García Conde o obxectivo da nova programación é achegar o máis posible as actividades á demanda dos composteláns e promover a súa participación e socialización ao redor delas. Tamén salientou a nova organización da oferta por bloques temáticos e por zonas xeográficas. Nos programas das distintas áreas -que poden descargar desde a web CompostelaCultura.org e SantiagoSociocultural.org- pódense atopar as actividades ao longo do ano (obradoiros, cursos, etc.), outras máis puntuais e as que son comúns a toda a rede.

Pola súa banda, Enrique Vázquez tamén quixo poñer en valor o traballo nestes centros nos últimos 19 anos, afirmando que "somos a rede municipal de centros socioculturais máis grande do Estado español" . Asemade, destacou a ampla participación dos santiagueses nestes programas: xa hai máis de 2.000 persoas apuntadas nos obradoiros (moitos xa non teñen máis capacidade), que xa están nunha media do 90% de cobertura de prazas. Segundo Vázquez, entre 800 e 900 persoas participan ao día en distintas actividades organizadas por esta Concellaría nos máis de 40 centros socioculturais cos que conta a cidade.

Novos programas
Entre as numerosas actividades cómpre subliñar dúas novidades: o programa Experimenta, que terá lugar os sábados á mañá para que nenos e nenas se acheguen dun xeito divertido a distintas áreas de coñecemento; e o programa Decátate, onde os participantes poderán catar diferentes produtos alimentarios galegos que conten con algún tipo de denominación xeográfica de calidade, como mel, queixo, viño, aceites, etc.

Compartir: