BENESTAR SOCIAL

Nace en Santiago a Asociación de nenos e nenas hiperactivos co obxectivo de axudar ás familias que sufran este transtorno e sensibilizar á sociedade

27/09/2010 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martin, presentou a entidade acompañada da súa presidenta, María Jesús Calvo Tomé.

A Asociación Compostelá de Nenos e Nenas Hiperactivos (ACNH) é unha asociación de pais e nais de nenos con Síndrome de Hiperactividade e Déficit de Atención sen ánimo de lucro, cuxo obxectivo é axudar desinteresadamente a todos os posibles afectados e que naceu a partir das inquedanzas e problemas dun grupo de pais.

O diagnóstico da Síndrome de Hiperactividade, ao contrario que moitas outras, non é fácil xa que non se identifica con rasgos nin carencias físicas, o nivel de intelixencia non se ve afectado e os graos e a sintomatoloxía son moi variados.

ACHN ten como finalidade mellorar a calidade de vidas das persoas con TDAH e de quen as rodea. Por iso, a asociación pretende responder ás necesidades educativas, psicolóxicas e sociais que presentan as persoas con esta problemática. Creada para informar, formar e axudar a todos os que estean interesados neste transtorno, quere desenvolver todos os medios posibles para reducir os efectos negativos que o TDAH provoca en nenos, mozos e adultos, para que estes se integren felizmente na súa vida diaria.

A asociación busca sensibilizar a pais, profesionais da saúde, profesores, escolas e en xeral á sociedade, para que se dea un cambio de actitude e se aprendan estratexias para o seu manexo.

Obxectivos
1.Dar a coñecer o problema e a súa trascendnecia á sociedade, institucións, organismos oficiais, profesionais e centros escolares. Colaborar con institución públicas e privadas á difusión, transmisión e propagación dos novos avances que se producen na investigación do TDAH,
2.Orientar e asesorar a pais, colexios, educadores e profesionais a través de charlas básicas, escolas de pais, ciclos programados de conferencias e xornadas. Detectar e orientar os posibles afectados.
3.Favorecer a coordinación familia-escola. Mediación entre os distintos membros da comunidade educativa.
4.Levar a cabo un programa de terapias psicoeducativas para os nenos e nenas con TDHA a través de obradoiros de relaxación, habilidades sociais, autoestima, control emocional, prevención do consumo de drogas, orientación pofesional, reeducación da atención, habilidades loxico-matematicas e lingüísticas, psicomotricidade, etc.

A Asociación atópase en
Rúa Maestro Mateo nª 4-3º izq.
Santiago de Compostela
acnhsantiago@gmail.com
www.anhsantiago.es.tl

Compartir: