ALCALDÍA

O alcalde aclara que desde o goberno municipal "acendénse todas as luces de alarma" a respecto da polémica do CHUS

24/09/2010 O alcalde aclarou en rolda de prensa a súa posición a respecto da polémica xerada arredor do CHUS. Unha posición centrada, dixo, "en tres eixos: o servizo, a condición da área sanitaria como área de referencia e a vinculación desta coa facultade de Medicina e a USC".

Asegura o rexedor que non é un problema "coa xerente nin con ningún profesional, senón coa política que se está a ordenar" para o centro hospitalario.

En relación ao servizo, o punto no que se pon o acento porque é o elemento "máis medible e cuantificable" é o das listas de espera. Segundo os datos oficiais do Sergas, de 1.777 pacientes que aumentaron nas listas de espera en toda Galicia 1.458 foron na área sanitaria de Santiago. Bugallo opina que "é un dato malo e tendo en conta que afecta á saúde das persoas, grave". Explicou que o gobenro municipal non entra na xestión hospitalaria: "o que nos preocupan son os resultados". E posto que "quen decide a política sanitaria é a Consellería de Sanidade, se os resultados son moi malos teremos que pedirlles que corrixan a dirección", declarou.

Bugallo lembrou que o éxito da redución das listas baseárase en dous programas específicos: operacións pola tarde e concertos con centros privados que permitían que as operacións máis sinxelas se derivaran. Amosou os datos do Sergas, segundo os cales a área sanitaria da Coruña, con 518.633 habitantes, ten acordos con centros concertados por un importe anual de 17.300.000 euros (33,3 euros por cidadán), mentres que a de Santiago, con 397.711 habitantes, ten acordos con centros concertados por 7.100.000 euros ao ano, isto é, 17,85 euros por habitante. Á parte, os datos extraoficiais deste verán teñen que ver con vacacións ou servizos que non se cubriron, quirófanos pechados e listas de espera que se van incrementando, aínda que "agardaremos ao día 30 para coñecer os datos oficiais".

Por último, o alcalde sinalou que "Santiago xa non é área de referencia hospitalaria de Galicia" mais "ten especialidades nas que si o é e queremos que o siga sendo, e se pode ser, en máis". Doutra banda, cre lóxico que "un hospital que sexa de referencia ten unha posición moito mellor para a docencia e a investigación que un que non o sexa", e neste sentido "Santiago ía en boa dirección e a bo ritmo e non queremos que se perda a investigación tampouco".

Desde o goberno municipal o único que se fai, dixo Bugallo, é "acender todas as luces de alarma". Non é un problema coa xerente nin con ningún profesional, senón "coa política que se está a ordenar para o CHUS".

Perda de viaxeiros en detrimento de SáCarneiro
Na súa rolda de prensa semanal, Sánchez Bugallo amosou os datos dos aeroportos galegos e do de Sá Carneiro nos últimos anos. Lavacolla en agosto moveu 237.000 viaxeiros, A Coruña 100.000, Vigo 112.000 e Oporto 622.000. A suma dos tres aeroportos galegos en 2005, 2006 e 2007 era de 700.000 viaxeiros máis que os de Sá Carneiro ata 2008, ano no que este move uns 160.00 viaxeiros máis. Xa en 2009 Oporto supera aos galegos en case 400.000 viaxeiros, e en 2010 previsiblemente superaraos en máis dun millón. O maior diferencial é entre Vigo e Oporto: "daquela o problema de Vigo non é Santiago, senón Oporto".

Lembrou tamén que en Santiago nunca se deu "un céntimo" para os voos nacionais de Ryanair, "o que non se pode dicir de Vigo, onde se subvencionou a AirEuropa. Afrontar o problema da división dos tres aeroportos galegos e de cómo "Oporto nos está comendo as papas considerados no conxunto".

Cidade da Cultura
O mandatario compostelán amosou a súa preocupación por unha nova rebaixa nos orzamentos da Xunta para a Cidade da Cultura. A este respecto, recordou o seu "decidido, inequívoco e constante apoio á Cidade da Cultura cando gobernaban uns e cando gobernaban outros", mentres que o grupo municipal popular mantén desde que hai un goberno do mesmo signo político "un terrible silencio".

Folga
O mandatario compostelán fixo un chamamento a que se respecten os intereses dos que secunden a folga e dos que non. O Concello está traballando para que os servizos mínimos sexan semellantes aos dun domingo ou dun festivo. Haberá un retén da brigada de Vías e Obras en caso de que se teña que actuar nunha emerxencia, e no conxunto das empresas municipais estase pactando sen grandes dificultades.

Visita do Papa
Tendo en conta dobre condición de Xefe da Igrexa Católica, confesión maioritaria no noso estado, e de Xefe de Estado, o alcalde opina que "está carente de sentido alimentar a polémica" arredor do custo da visita. O que máis lle preocupa, dixo é "que se transmita un certo clima de agobio". Instou aos veciños e veciñas da cidade a convertir a visita do Papa "nun enorme éxito e a volcarse a todos os niveis, participando nos actos e sendo hospitalarios e amables cos visitantes".

Compartir: