TRANSPORTES

O alcalde súmase ás actividades da Semana Europea da Mobilidade fomentando o uso da bicicleta

22/09/2010 O rexedor compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, achegouse ata a Praza Roxa para participar, xunto co concelleiro de Transportes e Mobilidade, Carlos Nieves, nas actividades programadas por este departamento con motivo da celebración da Semana Europea da Mobilidade. Ademais, o tranporte urbano é de balde durante todo o día de hoxe.

Este ano o lema da semana é "Mobilidade, saúde e seguridade: móvete con intelixencia e vive mellor". Con el preténdese animar os cidadáns europeos que viven nas áreas urbanas a moverse "con intelixencia": a pé, en bicicleta e en transporte público.Dende o Concello e TUSSA sumáronse a esta iniciativa con actividades na praza Roxa entre as 16.30 e as 20.30 como unha xincana para nenos de entre 4 e 14 anos, un taller de posta a punto de bicicletas ou unha mesa de información e participación COMBICI.

Durante toda a actividade, o persoal de COMBICI atendeu na praza Roxa e as persoas que o desexarob puideron facer uso das bicicletas de xeito totalmente gratuíto. Ademais ofreceuse información sobre o servizo, coa posibilidade de que os interesados se dean de alta no momento. Entre as persoas que participaron na actividade SORTEARASE UNHA BICICLETA E 10 BONOS MENSUAIS DO TRANSPORTE URBANO.

O servizo de préstamo de bicicletas COMBICI conta con 10 estacións, das que tres son novas: Xoán XXIII, Rodrigo de Padrón e praza de Vigo. A proximidade desta última coa ubicada na praza Roxa fai que esta se traslade á Pontepedriña. Combici conta con 624 usuarios e 84 bicicletas.

O propio mércores 22 celebrarase o día sen coche ofrecendo O SERVIZO DE TRANSPORTE URBANO DE XEITO TOTALMENTE GRATUÍTO en todas as liñas (durante toda a xornada), na procura de que as persoas que aínda non coñecen o transporte urbano se animen a subir ao autobús e fagan deste vehículo o seu medio de transporte habitual. Na medida na que se consiga que os cidadáns cambien de hábitos estarase contribuíndo a potenciar unha mellor calidade de vida para todos.

No marco desta semana, a Concellería presenta tamén un díptico de promoción da bicicleta, co que pretende fomentar, non só o sistema de préstamo, senón a utilización da bici privada. Este díptico distribuirase polos centros escolares, centros socioculturales, universidade e, por suposto, o día 22 no transcurso da actividade.

O Concello aprobou recentemente a contratación do Servizo de Elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), expediente que neste momento está xa na fase de adxudicación. As aportacións do PMUS servirán, de seguro, para promover o desenvolvemento dunha cidade máis segura e saudable.

Compartir: