PROMOCIÓN ECONÓMICA

A Feira do Emprego de Santiago de Compostela conta con cerca de mil persoas inscritas

21/09/2010 Onte, 20 de setembro, rematou o prazo de inscrición na I Feira do Emprego de Santiago de Compostela, para as persoas demandantes de emprego ou que buscan mellorar as súas expectativas laborais. En total rexistráronse 947 inscricións pertencentes a outras tantas persoas.

O evento, organizado pola área de Emprego da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, que dirixe Xosé Manuel Iglesias, desenvolverase o 7 e 8 de outubro no Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apio á Empresa (Cersia), situado en San Lázaro. A feira está dirixida ás persoas desempregadas ou que procuren unha mellora do emprego e a empresas que precisen incorporar persoal. Neste momento continúa aberta a inscrición para as empresas interesadas em participar e para as persoas que desexen asistir ás distintas actividades programadas. Poden informarse e apuntarse de balde nos banners situados na portada da web www.feiradoempregosantiago.org.

A feira ten como finalidade servir de punto de encontro entre as empresas ofertantes de emprego e as persoas demandantes de postos de traballo. Aquelas persoas que non puideron inscribirse na área de demandantes, poden, os días que dure a feira, presentar os seus currículums nos stands das empresas e entidades nas que están interesadas en traballar. Ademais, as distintas actividades programadas (nas que se pode participar de balde a través do banner Inscrición nas conferencias e obradoiros) son unha oportunidade para coñecer a realidade do mercado laboral, para informarse sobre as ofertas de traballo que existen no entorno de Compostela e para formarse en distintos aspectos relacionados coa imaxe persoal, a automotivación, o coaching laboral, e a busca efectiva de emprego.

Neste momento hai inscritas cerca de 200 persoas inscritas nas distintas conferencias e obradoiros organizados.
As empresas que participen na feira (poden inscribirse na Área de empresas), ademais de atopar candidatos/as axeitados aos perfís cos que traballan, disporán dun stand desde o que poderán: informar ás persoas e entidades participantes sobre as súas actividades, programas de emprego, prácticas, etc.; promocionar de balde a empresa tanto na xornadas como nas publicacións relacionadas co evento; dispor dun servizo de intermediación laboral gratuito que realizará a preselección de candidaturas atendendo aos perfís e competencias profesionais requeridos; e dispor dun espazo acondicionado para realizar entrevistas individuais ás candidaturas preseleccionadas. Neste momento hai inscritas 54 empresas, que ofertan un total de 296 postos de traballo.

A I Feira do Emprego de Santiago de Compostela está enmarcada no Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela, promovido pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, e cofinanciada polo Fondo Social Europeo; conta coa colaboración das entidades que o integran: Asociación Área Empresarial do Tambre, Asociación de Empresarios de Hostelería, os sindicatos CCOO e UXT, a USC, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, e a Asociación Plataforma polo Emprego.

Compartir: