EDUCACIÓN

O alcalde mantén o seu encontro anual cos responsables dos centros educativos públicos de infantil e primaria de Santiago

21/09/2010 Como ven sendo habitual cada inicio de curso, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, reuníronse este mediodía con representantes dos 12 centros educativos públicos de infantil e primaria de Santiago para facer unha radiografía da situación da comunidade educativa da cidade.

Este encontro-xantar de inicio de curso deu comezo cun repaso ás expectativas e á evolución da matrícula. Neste sentido, en liñas xerais, os responsables dos centros manifestaron que os servizos complementarios como os comedores e os madrugadores están axudando a un repunte na matrícula das escolas públicas de Compostela, coa excepción dos centros de Vite, Almáciga e Lavacolla que teñen baixa matrícula, un tema para a que xa se están buscando solucións, traballando a nivel de barrios e parroquias.

Na exposición das fortalezas e debilidades de cada centro, os directores transmitíronlle ao alcalde a necesidade de seguir promovendo e defendendo o ensino público e continuar o esforzo de modernización dos equipamentos escolares de Santiago. Neste sentido, todos agradeceron o investimento que se fixo grazas ao Plan FEIL e manifestaron o seu desexo de que se manteña no futuro.

Por último, manifestaron o seu desexo de que a Consellería de Educación atenda aquelas necesidades que teñen que ver coa calidade educativa, como o mantemento do profesorado; as medidas de apoio para axudar á integración dos inmigrantes; e que os novos programas que se están implantando conten cos recursos necesarios.

Compartir: